Tres de cada catro persoas usan decote programas abertos

martes, 20 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Unha boa parte da comunidade internauta emprega software libre case sen decatarse. Ou sexa, que son activistas da programación aberta no seu día a día e probablemente nunca se propuxeran seriamente selo. A cifra non para de medrar, segundo nos contan dende PortalProgramas.com, web de recursos en aberto que vén de facer un informe, sobre a base de 2.100 usuarios de novas tecnoloxías de 17 países, que serve entre outras cousas para saber até onde están chegando as aplicacións abertas e cales son os motivos principais deste medre.
Segundo se informa, tres de cada catro persoas usan este software a nivel cotián, e moi poucas deixaron de usalo por terlles visto algún problema. O informe amosa o grao de información, uso e confianza que os usuarios teñen do software libre e da ideoloxía que este promove.
Entre as grandes conclusións da investigación atopamos as seguintes:
· A desconfianza respecto ás ferramentas abertas, de darse, vén motivada máis por descoñecemento que por problemas reais e rexistrábeis de uso.
· O soporte técnico que ten o software libre é máis que de abondo.
· Axuda a mellorar a tecnoloxía actual e non só porque sexa de balde (que en moitas ocasións, non ten porqué selo, aínda que si que é sempre máis barato).
· A comunidade de usuarios prefire software libre a copias ilegais.
Podemos ver o informe ao completo neste arquivo en pdf.

PUBLICIDADE