Traducen ao castelán o modelo CMMI para a mellora do desenvolvemento de software

venres, 5 de xuño do 2009 Raquel Noya

O Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO) vén de dar acollida, esta mesma mañá, á presentación da tradución ao castelán do Modelo de Mellora de Procesos CMMI para desenvolvemento de software, nun acto (que se está a emitir en directo na web oficial de INTECO) no que interviron, entre outros, o director xeral de Red.es, Sebastián Muriel e o líder do proxecto CMMI no SEI (Software Engineering Institute) da universidade norteamericana Carnegie Mellon, Mike Philips.
Trátase dun modelo de avaliación de madureza formado por unha serie de reglas que deben seguir as empresas que desenvolven aplicacións informáticas para que os seus produtos sexan de calidade, que varias entidades galegas, tales como Satdata Telecom ou Bahía Software, xa obtiveron nos últimos anos no seu nivel 3 e 2 respectivamente.
Entre outras cousas, este modelo de avaliación esixe que os produtos non teñan erros, que o seu desenvolvemento non se extenda no tempo máis alá do previsto e que o seu uso sexa seguro para o cliente, así como que se axuste ao que este último demande.
A implantación de calidade nas empresas a través dunha certificación, aporta numerosos beneficios tanto dentro da propia compañía como de cara ao exterior xa que unha empresa pode incrementar a súa produtividade, mellorar nos seus procesos internos, ter maior capacidade de resposta e habilidade para crear valor e mellorar a súa posición competitiva, entre outras moitas vantaxes.
España é o segundo país de Europa (con 105 avaliacións CMMI acadadas, por detrás de Francia que ten 141) e o noveno a nivel mundial en número de empresas avaliadas sobre o Modelo para o Desenvolvemento (CMMI-DEV), pero ata hoxe só estaba dispoñible en inglés, francés, chinés e xaponés, o que se traducía en que moitas compañías, sobre todo as de menor tamaño, tivesen dificultades para acceder a el.
Coa edición desta versión en castelán, as empresas do noso país e de toda Hispanoamérica, terán máis facilidades para proceder á súa implantación e mellorar así a súa productividade.
Na imaxe, de esquerda a dereita, Víctor Izquierdo, Mike Phillips e Sebastián Muriel, responsables da apertura do acto de presentación da tradución.

PUBLICIDADE