Traballo incrementa o seu número de Puntos de Información Dixital até 186

luns, 1 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

A Consellería de Traballo segue a ampliar a súa rede de canles de información en liña sobre ofertas e demandas de emprego. Se o ano pasado por estas datas falabamos nesta mesma web de 133 Puntos de Información Dixital (PID), agora o número de unidades vén de incrementarse até 186, repartidas polas catro provinciais e máis tamén en América (con cinco en Arxentina e dúas en Uruguai). O reforzamento da rede de PIDs, que forma parte das iniciativas que a Consellería de Traballo leva a cabo para manter renovado (real e dixitalmente) o Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), ten tres obxectivos principais: mellorar a actividade mesma da Consellería de Traballo, achegala ao máximo á sociedade galega e preparar o camiño da Administración Electrónica.
O medre da rede, que partiu cun orzamento de preto de un millón de euros, está a permitir que se minimicen as distancias entre os cidadáns e os PIDs, que non son outra cousa que dispositivos electrónicos con feitura de caixeiros automáticos e tecnoloxía de lectura de pegada dixital habilitados nas oficinas de emprego.
A finalidade destes aparellos de acceso á Rede, amais de favorecer o propio proceso administrativo que xira arredor da Consellería de Traballo (e que afecta aos cidadáns e tamén aos traballadores do propio departamento), é facilitar na medida do posible procesos burocráticos como a renovación da tarxeta do paro. Asemade permiten visitar o Portal de Emprego da Consellería (na imaxe) e, entre outras cousas, renovar a tarxeta do paro, consultar as ofertas ou modificar o currículo. Neste senso, a idea é cubrir cos PIDs os máis que posibles baleiros de acceso a Internet dos demandantes de emprego, alí onde se atopen.
A rede, que comezou a coller corpo en 2005, inclúe por provincias a seguinte distribución: 65 Puntos de Información Dixital na provincia da Coruña, 41 en Lugo, 44 en Ourense e 36 en Pontevedra.
Para usalos, lembra o departamento da Xunta, unicamente é preciso un trámite na oficina de emprego correspondente: o de solicitar a habilitación da pegada dixital. Unha vez feito isto poderemos usar calquera dos PID distribuídos pola nosa xeografía, encamiñados a rematar coa obriga de acudir de xeito periódico á oficina de emprego para facer calquera tipo de trámite.

PUBLICIDADE