Traballadores arxentinos dun servizo telefónico de atención ó cliente búrlanse nun blog dos usuarios españois

venres, 17 de agosto do 2007 Marcus Fernández

No blog fan burla do nome dunha cliente

O sector da asistencia telefónica dos operadores de telecomunicacións está a vivir momentos de crise, que xa se saldaron co despido dunhas 700 persoas que dende Galicia atendían as chamadas de clientes de Jazztel, pois o servizo telefónico se trasladou a Arxentina para un aforro de custos, o que está a ser moi criticado polos ex-traballadores galegos, que denuncian o mal servizo que dan dende o outro lado do Atlántico, así como o pouco respecto que se fai da protección de datos dos clientes fóra das nosas fronteiras, servindo coma exemplo un blog no que 2 teleoperadores se dedican a publicar anécdotas do seu traballo publicando datos persoais con total impunidade.
En el Call Center é un blog centrado principalmente en facer burla dos españois que chaman ó servizo de atención ó cliente que atenden dende Córdoba (Arxentina), pero chegando incluso a publicar nomes, números de DNI e outra información confidencial que indica que “o criterio de privacidade é distinto en Arxentina e en Españasegundo denuncian dende a Coordinadora Unitaria de Traballadores do Telemarketing.
No blog tamén se poden ver as dificultades que teñen en atender a clientes de linguas oficiais distintas do español, coma o caso dun usuarios que tiña problemas para seguir as instrucións dadas por teléfono porque o seu Windows estaba en catalán (o que daba lugar a burlas sobre certas traducións por parte dos responsables do blog), aínda que noutras ocasión rin de cousas das que non son conscientes de que son eles os que fan unha deficiente atención por empregar usos locais da lingua que se interpretan incorrectamente fóra do seu país (o que de seguro acontece en moitas ocasións).
Descoñecemos se dende as operadoras de telecomunicacións que contratan estes servizos de atención ó cliente tomarán medidas contra este tipo de publicacións na Rede, pero parece que a internacionalización de certos servizos non parece ser moi atinado, e repercute negativamente no trato cos clientes e podería mesmo levar á vulneración dos seus dereitos (a Lei de Protección de Datos ten que respectarse aínda que os teleoperadores estean fora de España).

PUBLICIDADE