Toupa.net pon á venda libros galegos baixo demanda e a un prezo de 9,90 euros

mércores, 26 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

Perante un mercado global cada vez máis competitivo, no que se constitúen alianzas de innovación e se estende uso a esgalla das redes participativas, se cadra non sería mala maneira de afianzarse nel apostar por estas mesmas armas. Este espírito é o que semella alentar o novo proxecto editorial galego posto en marcha a través de toupa.net, web da que xa falamos en Código Cero facendo fincapé nas facilidades que poñía en xogo para achegármonos á nosa propia cultura (música, cómics, libros, DVDs, etc). Máis polo miúdo e segundo informa Xornal.com, a devandita canle de venda en liña serviralles aos responsables do novo proxecto editorial, de nome Módicos, para comercializar os seus produtos de xeito exclusivo.
Detrás desta iniciativa, dirixida a poñer en circulación libros galegos a baixo custe (algo que moitos lectores xa levabamos anos pedindo), atópanse os selos Rinoceronte, 2.0 Editorial, Positivas e Urco. As catro empresas, que malia a constitución desta alianza queren manter o espírito de independencia que as alentou, buscan atender deste xeito a unha serie de demandas ben claras entre as/os lectoras/es: máis e mellor catálogos para a venda en liña, libros de calidade máis accesibles (neste caso 9,90 euros por exemplar, editados baixo demanda) e meirande contacto coa cultura galega. Entre as principais características da nova achega editorial cómpre salientar a aposta polo formato baixo demanda, que quere dicir que cada exemplar sairá do prelo no intre en que un internauta o solicite na Rede. A idea é adaptar o libro en papel ao mercado electrónico.

PUBLICIDADE