Torusware, Premio Cinco Días á acción empresarial máis innovadora ligada á Universidade

mércores, 14 de outubro do 2015 Fernando Sarasketa

O equipo de Torus nunha imaxe de Víctor Echave para a Opinión da Coruña

A empresa galega Torusware, iniciativa xurdida do Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña (UDC) e participada pola Fundación Barrié, vén de recibir outro importante recoñecemento á súa traxectoria e á súa contribución ao desenvolvemento de ferramentas informáticas máis eficaces, eficientes e rendíbeis. Trátase do Premio Cinco Días á acción empresarial máis innovadora ligada á Universidade. Esta distinción cómpre sumala ás achegadas a Torus pola USC, por La Caixa (Premio Nacional Emprendedor XXI), polo CPEIG (Premio á Mellor Iniciativa Emprendedora) ou polo AETG-COETG (Premio Gerardo García Campos), entre outros moitos recoñecementos.
O xurado dos premios Cinco Días salientou que Torusware é un proxecto "asentado e consolidado, con importantes alianzas estratéxicas establecidas e que, ademais, fomenta un desenvolvemento exportábel". Ademais da firma galega, nesta edición dos Premios Cinco Días destacáronse tamén as contribucións de Ferrovial e Sistemas Genómicos. Os galardóns entregaranse o vindeiro 28 de outubro en CaixaForum Madrid nun acto no que intervirá Íñigo Fernández Mesa, secretario de Estado de Economía e Apoio á Empresa.
Orixe e traxectoria de Torusware
Como lembraremos, Torusware é unha iniciativa empresarial promovida e participada polos membros do grupo de investigación Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC, a Universidade da Coruña e a Fundación Barrié, a través do seu Fondo de Ciencia. Foi posta en marcha en abril 2013 e diríxese, entre outras cousas, a multiplicar as prestacións do software empresarial, en particular o de bases de datos, plataformas SaaS, e en xeral “calquera aplicación onde ser máis rápido represente unha vantaxe competitiva”.
Segundo nos conta Guillermo López, socio director de Torusware, a firma comezou a súa andaina en boa medida para dar resposta ás demandas dos usuarios respecto das ferramentas informáticas, ás que se lles pide un nivel de eficacia que até o de agora (polas razóns que sexan) non sempre están en disposición de achegar. Torusware xurdiu para garantir ese nivel, en beneficio do usuario pero tamén dos responsábeis das ferramentas, das páxinas web e dos diferentes servizos en liña. En opinión de Guillermo López, “hoxe en día unha web que nos permita unha navegación confortable, sen tempos de espera tras cada clic, transmite unha imaxe de marca moi positiva, con implicacións directas na conta de resultados dos nosos clientes”. Os sectores nos que o software de Torus ten aplicacións son moitos e variados, pero se cadra é nos mercados financeiros onde é máis acaido, precisamente porque nestes ámbitos a velocidade é un factor básico de confianza e unha importante vantaxe competitiva. A este respecto, a firma galega xa traballa arestora con varias das principais entidades financeiras situadas na City de Londres.
Desde a súa constitución, a empresa galega foi galardoada en numerosas ocasións (e con esta van 15) tanto a nivel nacional como internacional. Dende Torusware salientan que “é a única empresa española até a data en participar na aceleradora FinTech Innovation Lab London (2015)”. Ademais, foi seleccionada pola Comisión Europea como unha das 20 compañías TIC con maior potencial de Europa en 2014. Entre os galardóns internacionais destacar os do goberno británico (UKTI Tech Competition), e do israelí (Start-up Tel Aviv Competition).

PUBLICIDADE