Tokio School achega tres cursos específicos centrados nos eSports

luns, 30 de maio do 2022 S. P.

A escola Tokio School, proxecto de formación dixital con sede na Coruña (no 1 da rúa Comandante Fontanes), estreou tres cursos centrados no ámbito profesional dos deportes en liña, os denominados eSports. Trátase de tres iniciativas centradas na xestión, no adestramento e, tamén, na mercadotecnia e nos patrocinios.
Céntranse en dar resposta ás necesidades do sector, que é, en palabras da escola, “un dos máis punteiros e rendíbeis do momento”. A respecto disto Tokio School lembra que os eSports teñen arestora unha audiencia de case 200 millóns de seareiros en todo o mundo, dos cales case o 40% son mulleres. En España, contan con preto de 4 millóns de afeccionados, cifra á que se suman os seus máis de 900 millóns de ingresos mundiais, o 4% dos cales concéntrase no mercado español.
Volvendo aos ditos cursos, sinalar que o de Mercadotecnia e Patrocinios en eSports céntrase nas estratexias de marketing específicas na industria, ensinando aos alumnos como crear unha identidade de marca dentro do sector así como as diferentes formas de patrocinios que existen. Os alumnos aprenden a crear contido específico e a traballar en concordancia coa linguaxe, pero tamén a xestionar aos influencers, prescriptores e a propia comunidade.
Pola súa banda, o curso de Xestión de eSports permite aos alumnos dirixir e xestionar de forma eficaz proxectos, eventos e equipos de eSports, coñecendo o ecosistema desde dentro, con profesionais do sector, e mergullándose no que acontece nun club e nas competicións. “Ao terminar a formación”, explican dende Tokio School, “o alumno estará capacitado para planificar e xestionar calquera entidade, coñecendo os aspectos legais, a industria, as fontes de financiamento e os indicadores de xestión na área de eSports”.
Para rematar, o curso de Adestramento e Coaching Deportivo en eSports posibilitará aos participantes converterse en especialistas dos deportes online en aspectos técnicos, físicos e psicolóxicos que favorecerán o xogo dun verdadeiro gamer profesional.
Estes cursos, que se suman ás formacións en programación, videoxogos, redes, consultoría SAP, mercadotecnia, análise de datos e seguridade informática que xa impartía Tokio School, supoñen en palabras do centro galego de formación “a confirmación da firme aposta da escola polo sector dos eSports, que xa quedou de manifesto co patrocinio do club UCAM Tokiers, cun equipo en primeira división da Superliga de League of Legends que vén de anunciar unha importante renovación do seu persoal para a nova tempada”.

PUBLICIDADE