Todos os móbiles da familia Lumia serán compatibles con Bluetooth 4.0 LE

mércores, 2 de outubro do 2013 Marcus Fernández

A estrea da aplicación Adidas miCoach para Windows Phone 8 creou certa confusión, pois co seu lanzamento comentouse que inicialmente só era posible empregar monitores cardíacos por Bluetooth nos terminais Nokia Lumia 520, 620 e 720, deixando fóra aos terminais de alta gama, Lumia 820, 920, 925 e 1020, o que resultaba un tanto sorprendente, ante o que dende a conta de Twitter de Nokia Australia aseguraron que era porque o sistema de Bluetooth 4.0 de baixo consumo (LE) non estaría dispoñible para estes últimos terminais, detallando que era por mor de limitacións de hardware, o que resultaba moi rechamante. ¿Como é que os móbiles de baixa gama tiñan unha tecnoloxía coa que non contaban os seus irmáns maiores?
Despois de moitas voltas, os responsables da conta de Twitter de Nokia en Australia tiveron que rectificar a información, e confirmaron que os Lumia 820, 920, 925 e 1020 si contarán con soporte de Bluetooth 4.0 LE, e dende o soporte técnico da compañía detallan que estes terminais recibirán tal prestación a través da actualización do seu software que chegará a finais de ano (alcumada GDR3).
Estas informacións deberían tranquilizar aos usuarios de móbiles Lumia, que verán como toda a gama poderá gozar de Bluetooth 4.0 LE, aínda que na súa configuración actual só sexan compatibles con Bluetooth 3.0, o que abre a porta ao uso de numerosos dispositivos de baixo consumo como sensores deportivos ou localizadores de obxectos.

Coa vindeira actualización de Windows Phone 8 toda a familia Lumia incorporará o Bluetooth 4.0 de baixo consumo

PUBLICIDADE