Todos os concellos galegos teñen algún acceso a banda larga, segundo Innovación

luns, 12 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

A Consellería de Innovación vén de dar conta do estado da cobertura de acceso á banda larga en Galiza. Os datos achegados polo departamento de Fernando Blanco (na imaxe, segundo pola dereita), que son ademais un resumo da marcha actual do seu Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), serven tamén para prever os pasos e os froitos acadados no futuro, a medio e a longo prazo. O caso é que o informe sitúa en 23.000 os núcleos de poboación da nosa terra que teñen posiblidade de facer vida dixital a través deste tipo de acceso de alta velocidade, o que abrangue o 77% das localidades e o 82% da poboación total de Galiza.
Asemade, as estatísticas semellan tocar teito no que se refire ó número de concellos que dispoñen hoxe en día de espazos de conexión a través de banda larga, xa que estamos a falar da totalidade deles, do 100%, segundo engadiu Fernando Blanco.
Polo que respecta a medidas a medio, a previsión deste departamento da Xunta é abranguer como mínimo ó 90% da poboación galega en 2010 en materia de extensión de Internet de alta velocidade. Sinalar que este último treito (o comprendido entre o 80% e o 100% da poboación galega) é o máis complicado de cubrir, xa que corresponde en boa medida ós núcleos máis afastados dos espazos urbanos e, a maiores, localizados na súa maioría en vales e montañas de difícil acceso.

PUBLICIDADE