Todo o que quixemos saber sobre eAdministración, a partir de mañá na EGAP

luns, 15 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) abren mañá, a partir das 11.00 horas, o Curso Superior de Administración Electrónica, unha acción formativa que mergulla aos participantes na actualidade da dixitalización das institucións públicas, abordando as súas posibilidades (de cara ás propias administracións pero tamén de cara a cidadanía) e os seus grandes desafíos. O acto, aberto ao público en xeral, será no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela.
A inauguración correrá a cargo da directora de AMTEGA, Mar Pereira, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Logo, celebrarase un relatorio maxistral, titulado Presente e futuro da Administración Electrónica, que será impartido polo vogal asesor do Departamento de Xestión Tributaria da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Domingo Molina, e o socio de Consultoría de Sector Público EY, Carlos González.
Este curso pretende afondar (desde unha perspectiva técnico-xurídica) na concepción da Administración Electrónica, incidindo “na importancia que ten a súa implantación nas distintas institucións públicas da nosa Comunidade”. Os contidos do programa achegarán distintas perspectivas sobre o fenómeno do goberno dixital, co fin de que os participantes “adquiran ou perfeccionen os coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito, completando a súa formación no dereito da informática”.
O presidente do CPEIG sinala que “o curso sempre ten una alta demanda de matrículas e conta con profesionais de recoñecido prestixio en cada unhas das materias a abordar no seu transcurso”.
A formación, que conta con 80 prazas, está destinada a persoal empregado público, en situación de servizo activo da Administración autonómica e entidades instrumentais da Comunidade de Galicia. Celebrarase do 16 de outubro ao 27 de novembro, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.

PUBLICIDADE