Todo o que quixemos saber sobre as tecnoloxías para camiñar, ao detalle en Ames

luns, 29 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O outono convida a botarse ao monte e camiñar, non só pola beleza que adquire o medio natural, senón tamén (unha razón de peso) para entrarmos en calor. Seguindo este fío, a asociación Rutas a Pé e o Concello de Ames prepararon dous obradoiros aplicados á práctica do sendeirismo: un sobre orientación (os días 10 e 11 de novembro) e outro sobre manexo do GPS (os 12 e 13 de xaneiro). Os cursos desenvolveranse no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova, en horario de 09:30 a 19:00 horas.
A primeira das accións, achegará contidos sobre a preparación de rutas, a orientación por medios naturais, a navegación básica e a introdución no uso de instrumentos como o compás, o mapa e o altímetro. A idea é que os participantes obteñan nocións de declinación magnética, acimut e rumbos, amais de coñecementos que lles permitirán ler e interpretar de maneira correcta un mapa ou empregar o compás e o sistema de GPS.
A finalidade do obradoiro específico sobre Global Position System é adestrar aos asistentes no seu manexo básico, nas súas utilidades, nos aparellos que permiten tirarlle proveito para preparar itinerarios, e na solución dos problemas que poden xurdir do seu uso. A idea é que estes coñecementos permitan ao grupo participante realizar percorridos con GPS e mesmo servir de porta de acceso segura á realización de outras actividades de maior dificultade. Nun plano máis concreto, achegaranse coñecementos sobre configuración, uso de planos 1:25000, track e waypoint como toma de referencia, sobre descarga de datos no ordenador e sobre programas como o Base Camp, o Ozi Explorer, ou Google Maps, entre outras ferramentas relevantes na Rede. Tamén se fará fincapé en como planificar rutas a través do computador e, por último, farase unha comprobación sobre o terreo de todo o aprendido.

PUBLICIDADE