Todo o que precisamos saber sobre tecnoloxía blockchain, nun novo obradoiro de SmartPEME

martes, 1 de marzo do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través da súa rede de formación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana unha nova acción formativa impartida de xeito online. Levarase a cabo o mércores 2 de marzo de 12.00 a 13.00 horas, baixo o seguinte epígrafe: Blockchain, identidade dixital e NFT.
Segundo explica a institución provincial, este obradoiro de SmartPEME é o terceiro dunha serie de talleres formativos sobre temas de máxima actualidade que teñen como denominador común o blockchain ou cadea de bloques, unha tecnoloxía con grandes posibilidades para o ámbito da ciberseguridade e que posibilita operacións e tarefas online altamente protexidas.
Todas estas actividades formativas están dirixidas por Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D con máis de catro anos de experiencia impartindo obradoiros de formación.
Tras coñecer en talleres anteriores en que consiste esta tecnoloxía e a súa relación na creación do que se denomina “a Internet de valor”, así como as criptomoedas, neste terceiro obradoiro Manuel Freire falará sobre a identidade dixital e tratará de achegar algo de luz sobre que son e para que serven os NFT. O ciclo completarase a semana que vén cun obradoiro sobre o metaverso.

PUBLICIDADE