Todo o que precisamos saber sobre Xustiza e TIC, este mércores na Xornada de Informática Xudicial

martes, 20 de outubro do 2015 Fernando Sarasketa

Este 21 de outubro celébrase o evento referente no ámbito estatal sobre a interrelación entre novas tecnoloxías e Xustiza. Falamos da Xornada sobre Informática Xudicial que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, o CPETIG. A quinta edición deste evento desenvólvese na Cidade da Cultura de Santiago (Edificio CINC) baixo o seguinte lema: A cibervixilancia no século XXI: ciberdelitos, vixilancia on line e eXustiza. A xornada comeza ás 9.00 horas coa inauguración oficial a cargo do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Segundo informa o CPETIG, o obxectivo desta actividade divulgativa é “concienciar aos xuristas dos avances en materia probatoria nos casos que intervén a informática”. Unha vez máis, e xa van cinco, contarase cunha nutrida representación de especialistas neste punto, ben amplo, onde se xuntan e mesturan Xustiza, investigación policial e novas ferramentas dixitais.
Amais do devandito, outros dos retos da xuntanza do día 21 é, en palabras dos organizadores, “dotar de meirande seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica ao tempo que se incrementa a efectividade e a eficacia da Administración xudicial co uso das novas tecnoloxías”.
Segundo informa o colexio que preside Marcos Mata a conto dos porqués destas xornadas, “o desenvolvemento dos dispositivos electrónicos móbiles, as redes de comunicación e outras ferramentas informáticas abriron un amplo abano de posibilidades para as relacións sociais e comerciais pero tamén un novo cúmulo de riscos, moitas veces descoñecidos dos que os usuarios non foron advertidos ou protexidos axeitadamente”. En palabras do CPETIG, estamos a ser testemuñas, tamén, dun importante e salientábel proceso de adaptación: o da propia Lei en si mesma, organizadora das relacións sociais, cara á nova realidade xerada polos elementos da contorna dixital.
Botar luz sobre estes cambios e transformacións, facendo fincapé no recente e no inmediato, é outras das finalidades da xornada. En opinión dos organizadores do evento, faise preciso difundir entre o Poder Xudicial e os xuristas en xeral non só os contidos da dita adaptación, senón tamén a nova realidade tecnolóxica que a xera, “así como as ferramentas coas que contan os profesionais para facela valer e aplicala ao caso concreto”.
O evento, en base ao devandito, vai dirixido a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados e xuristas en xeral, que terán a oportunidade de coñecer a opinión dos expertos nesta materia máis importantes dos ámbitos galego e estatal, a través dos distintos relatorios organizados polo CPETIG, baixo a dirección técnica do especialista Víctor Salgado –avogado socio do bufete Pintos & Salgado- e a colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
A xornada comezará ás 8.30 horas do día 21 de outubro coa recepción e entrega de documentación. Logo, ás 9.00 horas terá lugar a apertura oficial do evento (a cargo de Alfonso Rueda) e, xa seguido, o relatorio Os retos xurídicos da ciberseguridade, do letrado da Cortes, Pablo García Mexía, autor de A Lei na Rede de ABC. O segundo relatorio desenvolverase a partir das 10.30 horas e será pronunciado polo consultor de Seguridade e Sistemas Juan Luis Rambla, que avaliará a seguinte cuestión: Os hackers e o desafío actual á seguridade informática. A continuación, ás 11.30, será a pausa do café. Despois do café, ás 12, Luis Jiménez, subdirector adxunto do Centro Criptolóxico Nacional (CCN-CNI) afondará na Ciberdefensa e a protección das infraestruturas críticas no século XXI. Ás 13:00 horas celebrarase unha mesa redonda, moderada por Víctor Salgado, sobre O difícil equilibrio entre a liberdade e a seguridade en Internet.
Xa pola tarde, ás 16.00 horas, o maxistrado da Audiencia Nacional, Eloy Velasco, disertará sobre A validez da proba electrónica en sede xudicial. Deseguido (ás 17.00 horas) intervirá o fiscal do Servizo de Criminalidade Informática da Fiscalía Xeral do Estado, Jorge Bermúdez, quen falará sobre Os kackers son de Marte e os xuíces de Venus. A xornada rematará ás 18.00 horas cunha mesa redonda sobre Hackers: ¿ameaza ou garantes da seguridade na Rede?. O moderador será José Antonio Varela Agrelo.

PUBLICIDADE