Todo o que precisamos saber sobre Terraform, nun novo curso de Vitae

martes, 18 de xaneiro do 2022 S. P.

Terraform é unha ferramenta da que seguro escoitamos falar nos últimos tempos, sobre todo polas amplas posibilidades de traballo que pon en xogo en materia de creación, administración e actualización de recursos de infraestruturas e arquitecturas, tanto virtuais como físicas. Trátase dunha ferramenta de código aberto, creada por HashiCorp, que presenta dende hai certo tempo unha notoria gráfica ascendente en cuestión de popularidade. Especialmente no mundo dos Ops e os DevOps. Botar luz sobre as metodoloxías a seguir para sacarlle o máximo rendemento é o gran obxectivo do Curso Terraform Infraestruture as Code, de 20 horas, organizado por Vitae Consultores. Desenvolverase a través da aula virtual da consultora galega os días 14, 15, 16, 17, 21, 22, 23 e 24 de febreiro.
Segundo explican dende Vitae, “neste curso o alumnado aprenderá como usar Terraform para automatizar a súa infraestrutura”, amais de ver como poden usar a ferramenta para “cubrir todo o ciclo de vida dunha infraestrutura comezando por conceptos básicos como a reutilización do código, pasando por como encadra en contornas de integración continua e todo o preciso para crear arquitecturas doadamente replicábeis”.
O curso ten un compoñente práctico e para os exemplos (fornecemento das diferentes infraestruturas) Vitae empregará AWS. O obxectivo principal do curso é conseguir que o os alumnos comprendan como as infraestruturas como código están a mudar de xeito radical a forma que temos de realizar a administración daquelas.
A actividade formativa oriéntase a desenvolvedores, administradores de sistemas, xestores de proxectos e outros profesionais técnicos.
A persoa encargada de impartir os contidos será Esteban Vázquez, enxeñeiro técnico en Informática e mestrado en Dirección de Proxectos. Conta cunha ampla experiencia como desenvolvedor, analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes compañías. Tamén ten unha ampla bagaxe como desenvolvedor ao abeiro de Microsoft, comezando por Visual Studio 6 e vivindo de primeira man a evolución das tecnoloxías .NET, chegando agora ás últimas tendencias como Xamarin, Windows, Mixed Reality ou ASP Core 2MVC. Entre as empresas e entidades que ten asesorado ou formado atópanse Tecnocom, Softtek Universidade de Santiago, Balidea, ASAJA, Opentrends, Xunta de Galicia, TRAGSA, ANFEAFIP, ESTALMAT, FINSA, Grupo SM, GT Motive ou Health in Code, entre outras.

PUBLICIDADE