Todo o que precisamos saber sobre LoRa e LoRaWan, nunha xornada de CIS Tecnoloxía o 13 de setembro

martes, 30 de agosto do 2022 S. P.

CIS Tecnoloxía e Deseño organiza o vindeiro 13 de setembro unha nova actividade dos Encontros de Tecnoloxías Innovaodras, deta volta centrada en LoRa e LoRaWan, baixo o epígrafe Comunicacións de longo alcance e baixo consumo non ligado ao operador. Será un encontro en liña, con horario de 9:30 a 10:30. Os cortidos serán impartidos por Miguel Franco Martínez e por Tomás Rodríguez Rey.
Segundo explican dende a organización, o obxectivo é axudar a profesionais, investigadores e deseñadores a contar con infraestruturas de comunicacións de baixo custo que permitan a creación de dispositivos con baixo consumo. “Unha destas tecnoloxías é LoRa”, explican dende o CIS, salientando que permite o envío e recepción de información punto-a-punto, achegando ademais un longo alcance, requisitos de desenvolvemento bastante contidos e un consumo de enerxía moi baixo, sendo así apta para aplicacións da internet das Cousas (IoT)”. Dende o CIS destacan que con LoRa, “en condicións normais de propagación e en ausencia de obstáculos”, pódese chegar a alcanzar ligazóns a distancias de decenas de quilómetros.
A tecnoloxía LoRa usa a técnica de espectro alargado, onde o sinal enviado utiliza un largo de banda variábel, usualmente maior que o mínimo teórico necesario, “o que permite aumentar a resistencia da transmisión contra ruído e interferencias, optimizando o consumo do dispositivo”, salientan dende o CIS, lembrando tamén que mentres que LoRa implementa o necesario a nivel físico, LoRaWAN traballa a nivel de ligazón e rede, encargándose de xestionar o envío e recepción de paquetes.

PUBLICIDADE