Tódalas faces da tecnoloxía, ao descuberto nas xornadas JAI da Universidade de Vigo

luns, 27 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

O Auditorio do Centro Social Caixanova, en Vigo vaise converter este ano, do 15 ao 19 de novembro, na sede do Congreso Internacional JAI´2010 (acrónimo das IV Xornadas sobre Tecnoloxías e solucións para a Automatización Industrial), orientado como o seu propio nome indica á divulgación formativa e informativa das máis innovadoras e avanzadas tecnoloxías de automatización industrial. As xuntanzas, organizadas pola ETSEI de Vigo dende hai 4 anos (co profesor Ignacio Armesto coordinando esforzos), teñen polo tanto a finalidade de difundir conceptos técnicos innovadores relacionados co mundo real da automatización de procesos industriais, así como dar a coñecer o “lado humano” da tecnoloxía, ofrecendo relatorios e información de primeira man por parte de profesionais e investigadores cualificados da materia chegados de todo o mundo.
Segundo informan dende a ETSEI, o congreso é unha ocasión “ideal” para que tanto os alumnos dos últimos cursos coma os docentes (ben sexan universitarios, de formación profesional ou investigadores) e incluso profesionais, se poñan ó día e renoven os seus coñecementos nas disciplinas de enxeñaría, ao tempo que coñecen de primeira man as tecnoloxías, solucións e tendencias máis modernas no ámbito da automatización e enxeñaría de procesos industriais.
Todo isto chegará a Vigo da man de técnicos responsables de produtos de empresas multinacionais fabricantes de solucións industriais que son líderes de recoñecido prestixio na eurorrexión, os que, cos seus relatorios, ofrecerán unha visión xeral das necesidades e tendencias desta industria nos diferentes ámbitos.
O programa destas xornadas, que incluímos nestas páxinas (e ao que se pode acceder dende a páxina oficial do Congreso), inclúe relatorios sobre aplicacións modernas da robótica industrial, sobre tecnoloxías de workflow e mobilidade aplicadas á loxística industrial e sobre ferramentas de recoñecemento facial, entre outras cousas.
Os organizadores do Congreso aseguran que toda planta industrial moderna que desexe afrontar con éxito os retos da globalización e competitividade nos procesos produtivos do seu negocio “debería telas en conta e melloralas de maneira continuada”; xa que logo, estas xornadas serán un punto de referencia para os profesionais do sector que pretenden salientar por enriba da súa competencia.
As xornadas, que se poderán seguir en directo a través da televisión uvigo.tv, contarán coa asistencia de alumnado procedente das universidades e centros de Formación Profesional da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e Iberoamérica, e permitirán que os alumnos da Universidade de Vigo convaliden ata dous créditos de libre elección por asistir ás 30 horas.

PUBLICIDADE