Time elixe a Mark Zuckerberg coma Persoa do Ano

mércores, 15 de decembro do 2010 Marcus Fernández

A revista Time vén de designar como Persoa do Ano 2010 a Mark Zuckerberg, o fundador de Facebook, nunha decisión bastante polémica polo feito de que os lectores decantábanse por Julian Assange, editor xefe de WikiLeaks, coma o persoeiro máis relevante, de aí que en moitos medios estean a criticar a falta de valor de Time ao optar por un personaxe neutral, que nas votacións dos lectores quedou nun 10º posto, mentres que Assange arrasou con 382.020 dos 1.249.425 votos emitidos.
Dende a publicación consideran que o feito de que Facebook conecte a máis de 500.000 persoas de todo o mundo nunha plataforma social que creou un novo sistema de intercambio de información e cambiou decisivamente as nosas vidas é motivo máis que suficiente para galardoar ao seu fundador, aínda que iso non parece moi xustificado ao remate de 2010, pois a revolución de Facebook xa hai tempo que chegou, e a elección de Zuckerberg parecería responder máis á repercusión mediática que está a ter o personaxe tras a estrea da película La Red Social.
A elección de Zuckerberg coma Persoa do Ano chegaría tras semanas de debate na redacción da revista, pero Assange nin sequera estaba como segunda opción para eles, considerando que resultaba máis relevante o Tea Party, movemento conservador que acadou moita sona nos últimos meses nos EE.UU.

PUBLICIDADE