Tim Cook asegura que en Apple están interesados no mercado dos televisores

mércores, 30 de maio do 2012 Marcus Fernández

Como vén a ser habitual nos últimos 10 anos, cando certas figuras relevantes do sector tecnolóxico falan durante os eventos organizados baixo a marca D: All Things Digital, moitas son as miradas que intentan sacar punta a todo, e así como en numerosas ocasións Steve Jobs respondeu ás preguntas de Walt Mossberg e Kara Swisher, desta volta tocoulle a Tim Cook pasar polo escenario, realizando declaracións que poderían indicar os pasos que seguirá Apple nos vindeiros meses.
Cook non dubidou en asegurar que teñen “algunhas cousas incribles a piques de saír”, aínda que tamén recoñeceu que a experiencia que están a vivir co iPad é incrible, pois só leva un par de anos no mercado e conseguiu incluír considerablemente no xeito de ver a informática, aínda que destacou que “os tablets e os ordenadores son diferentes. Podes facer cousas co tablet se non estás predisposto polo PC”, pero se ben os tablets non substituirán aos ordenadores, van ralentizar o seu ciclo de renovación.
Tamén matizou que Apple vai realizar un forte investimento en novos produtos e tendas, “dobrando o secretismo nos produtos” e mellorando a transparencia en temas como a responsabilidade social corporativa, para servir como exemplo a outras compañías en tal ámbito.
Cuestionado por Kara Swishter sobre o negocio dos televisores, Cook admitiu que “é un área de grande interese para nós”, de xeito que continuarán a explorala, sen chegar a confirmar se o rumoreado televisor de Apple chegará pronto ao mercado. O director xeral de Apple tamén quixo reflexionar no volume do negocio dos televisores, que ten un tamaño moi diferente ao dos móbiles, os ordenadores, a música ou os tablets. Walt Mossberg pola súa banda criticou o produto Apple TV, que considera que ten problemas que resolver (especialmente a carencia de contidos), o que Cook recoñeceu parcialmente, o que podería reforzar a idea de que o televisor de Apple pode ser unha realidade en calquera momento.
Aínda que Mossberg e Swisher comentaron moitos outros temas con Cook, o responsable de Apple respondeu a moitas con evasivas, para non dar detalles demasiado concretos sobre o futuro de Apple, deixando clara a mensaxe de que “quero construír grandes produtos. Penso que se facemos tal, o resto chegará despois”.

Tim Cook non quixo dar detalles sobre os vindeiros lanzamentos de Apple

PUBLICIDADE