Tikitag quere utilizar a tecnoloxía RFID para achegar información sobre produtos a través da Rede

martes, 9 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Alcatel-Lucent quere que a identificación por radio-frecuencia entre con forza no mercado, polo que baixo a súa marta Tikitag presentou no congreso DemoFall a súa tecnoloxía de etiquetado que comezará as súas probas públicas en menos dun mes.
Tikitag quere ser «a Internet das cousas» de xeito que podemos pór unha etiqueta ao que queiramos, para que logo se asocie o obxecto a unha páxina web ou aplicación (ou sexa, que se podería integrar en carteis, xoguetes ou calquera produto para que as persoas poidan acadar información adicional sobre os mesmos a través da Rede, aínda que para iso sería preciso que os lectores RFID se popularizasen). Os que queiran achegarse a esta tecnoloxía poderán mercar en Amazon a partir do 1 de outubro un lector Tikitag con 10 etiquetas RFID por 49,95 dólares (vendendo tamén caixas de 25 etiquetas para os que queiran facer un uso máis intensivo desta solución sen fíos).
Lembremos que a tecnoloxía RFID pretende ser o futuro dos códigos de barras, de xeito que en poucos anos será posible que nos centros comerciais teñamos que pasar polas caixas só para pagar (sen sacar os produtos do carriño de compra) aínda que para a popularización desta tecnoloxía emerxente será preciso unha rebaixa do seu prezo (que é o principal atranco na actualidade).

PUBLICIDADE