TikTok rexeita unha campaña publicitaria da Xunta por estar en galego

xoves, 18 de febreiro do 2021 Redacción

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, vén de denunciar a política lingüística de TikTok, que «só recoñece unha lingua oficial por territorio», o que provocou que a campaña da Xunta de Galicia, #aculturasegue, en galego, fose retirada de tal plataforma social.
Esta campaña da Xunta de Galicia tiña entre os seus obxectivos chegar ao público mozo, ao que dirixíanse través de redes sociais como Twitter, Instagram ou TikTok, pero esta última rexeitou a campaña por non estar nunha lingua admitida.
Durante a presentación da exposición Cultivar Incertezas no CGAC Lorenzo comentou que esta política obsoleta de TikTok responde a un «descoñecemento da realidade do territorio español» ao non considerar ás linguas cooficiais. O secretario xeral de Cultura asegura ter trasladado a TikTok solicitudes de reconsideración da súa postura, pero aínda non recibiron resposta.
Lembremos que o veto a campañas publicitarias en galego non é algo novo, e dende hai anos existe un importante malestar polo feito de que Google non acepte publicidade para páxinas que estean totalmente en galego, o que supón un atranco para empresas e iniciativas culturais á hora de darse a coñecer entre usuarios da nosa terra.

PUBLICIDADE