The New York Times forza a retirada temporal dunha aplicación para iPad

martes, 8 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Pulse News Reader é unha aplicación para iPad que permite a lectura de fluxos RSS no dispositivo de Apple dun xeito elegante e atractivo (aínda que posiblemente non moi práctico) que Steve Jobs comentou coma exemplo de desenvolvemento prometedor durante a súa aparición no WWDC de San Francisco no que presentaron o iPhone 4, pero sorprendentemente a poucas horas deste acontecemento, tiveron que retirar a mencionada aplicación da App Store tras unha reclamación por parte de The New York Times, compañía que considera que Pulse viola as condicións de uso dos seus RSS por permitir non só a súa lectura dende unha ferramenta de pagamento (custa 2,99 euros), senón tamén por permitir a lectura das novas completas dende a propia aplicación (sen abrilas nun navegador web externo) o que sería coma apropiarse do seu contido.
Resulta rechamante que unha publicación está a evitar a distribución dos seus contidos nunha plataforma con tanto potencial coma o iPad vetando o uso dos seus fluxos RSS dende aplicacións coma Pulse, que xa sumara 35.000 descargas e que ata hai poucas horas estaba fóra da App Store, aínda que finalmente volve a estar dispoñible (entendemos que por eliminar ao The New York Times coma fonte de información incorporada coma exemplo).
Tamén é curioso que The New York Times tome este tipo de medida agora, cando durante anos houbo aplicacións de lectura de RSS semellantes a Pulse para diferentes plataformas. ¿Será que entenden que o iPad está a cambiar o xeito en que o público ve a prensa dixital?


Exemplo do funcionamento do Pulse News Reader no iPad

PUBLICIDADE