The New York Times denuncia que ChatGPT roubou os seus contidos

mércores, 27 de decembro do 2023 Marcus Fernández

A preocupación dos medios tradicionais pola apropiación indebida dos seus contidos a través da Internet leva creando conflitos durante moitos anos, e aínda que normalmente eran os motores de busca os que provocaban a polémica, agora son as tecnoloxías de intelixencia artificial as que levaron a que The New York Times denunciase a OpenAI e a Microsoft por infracción do copyright.
O reputado xornal presentou unha denuncia na que asegura que OpenAI empregou os seus contidos para adestrar a intelixencia artificial detrás de ChatGPT, empregando sen permiso millóns de artigos publicados polo medio para adestrarse e así agora poder competir dos medios de comunicación tradicionais como fonte fiable de información.
The New York Times sostén que o dano infrinxido por ChatGPT podería ascender a milleiros de millóns de dólares, xa que a creación da información recollida no xornal supuxo un investimento moi elevado que agora non se ve compensado, especialmente dende que ChatGPT e o Chat de Bing ofrecen respostas aos usuarios sen levalos á fonte informativa, ou sexa, que actúan como rivais directos.
Cómpre salientar que un dos puntos clave da demanda é que entre os datos que facilita a tecnoloxía de OpenAI figuran informacións que só estaban dispoñibles para os subscritores de The New York Times, ou sexa, que os asistentes baseados en IA estarían a facilitar a achegar información de pagamento sen compensar aos seus creadores.
A cabeceira estadounidense tamén denuncia que as alucinacións que padece a intelixencia artificial en ocasións atribúelles información falsa, o que tamén prexudica á súa imaxe.

PUBLICIDADE