The NY Times confirma que deixará a impresión en papel para centrarse nun modelo de cobro na Rede

venres, 10 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

The New York Times vén de confirmar o que xa se sospeitaba dende hai tempo: que cesará a impresión en papel para centrarse na comunicación en liña, coa particularidade de que vai ser de pago (cousa curiosa, tendo en conta o mal que teñen funcionado estas experiencias, polo menos no caso español). O proceso de transformación do senlleiro medio estadounidense cara ao universo dixital non é un caso illado, e na nosa terra, por desgraza para os que malia estar na Rede queremos que siga habendo unha oferta en papel plural e variada, temos algún exemplo recente disto. O dito proceso, que aínda non ten data definitiva, forma parte dunha remodelación mesma dos conceptos mesmos do xornalismo tradicional, en crise dende hai anos pola falta de vendas e de achegas publicitarias.
Con todo, o realmente novo non é o modelo de pago que vai adoptar na Rede a partir de 2011 (cousa que xa se sabía, ao igual que o feito de que se van seguir mantendo certas seccións de balde), senón o anuncio do esmorecemento da edición en papel. Este anuncio foi dado por Arthur Sulzberger Jr (presidente do medio) durante o Cumio Internacional de Novas WAN-IFRA que se celebrou en Londres. Entre outras moitas cousas, Sulzberger Jr confirmou que o xornal tiña asinado un pacto con Google para dar corpo ao First Click Free e asegurar que NYTimes.com seguise “formando parte do ecosistema Web aberto”. As cousas, porén, pintan diferentes, e xa se inclúe na visión de futuro do xornal unha vontade máis clara de negocio e de privacidade.

PUBLICIDADE