The Humble Bundle ofertará durante dúas semanas distintos lotes diarios de xogos

mércores, 14 de maio do 2014 Marcus Fernández

O proxecto solidario The Humble Bundle está a pisar o acelerador estes días, e chama á revolución anunciando que na súa nova campaña quincenal, en vez de ofrecer un lote de xogos, vai apostar por un lote distinto cada día, todos seguindo a fórmula habitual: o usuario decide canto paga polo lote básico, se paga máis da media recibe un número máis grande de títulos e, de superar certa cantidade pode facerse con algún xogo adicional (habitualmente un título moi recente, que xustificaría tal pagamento) repartíndose logo os beneficios con entidades sen ánimo de lucro como a Cruz Vermella ou o homólogo norteamericano de Juegaterapia.
Esta nova campaña comeza con forza, recuperando o The Humble Deep Silver Bundle, que permite mercar por calquera prezo os xogos Sacred 2: Gold Edition, Risen 2, Saints Row 2 e Saints Row The Third; de pagarmos máis da media (uns 4,60 euros) teríamos tamén Sacred Citadel, Risen, Metro 2013, Dead Island: GOTY Edition e os contidos descargables de Saints Row: The Third; quedando Dead Island: Riptide: Complete Edition para os que realicen unha achega dun mínimo de 9 dólares (uns 6,56 euros).
Estes lotes de xogos renovaranse diariamente as 20:00 horas.

PUBLICIDADE