Xbox seguirá no mercado das consolas de videoxogos

xoves, 15 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Tras moitos rumores sobre o futuro de Xbox e os seus xogos exclusivos chegou o día no que Phil Spencer acompañado por Sarah Bond e Matt Booty ía pór as cartas sobre a mesa no Official Xbox Podcast, botando por terra as predicións máis catastrofistas e clarexando que unha apertura dos xogos propios a máis plataformas non significa abandonar a competición no mercado das consolas.
Spencer non só deixou claro que os xogos dos estudios de Xbox chegan cada vez a máis xente, sumando centos de millóns de xogadores en consola, PC e móbiles, detallando que o servizo Xbox Game Pass medrou até os 34 millóns de subscritores (o que supón un incremento do 36% nos últimos 2 anos); senón que tamén insistiu na súa confianza de que a Xbox e a industria no seu conxunto continuarán a evolucionar, e é precisamente por iso polo que decidiron que van levar varios dos seus xogos máis importantes a outras plataformas (inicialmente están a traballar en levar 4 dos seus grandes exclusivos a PS5 e Nintendo Switch, aínda que especificarán os títulos concretos máis adiante). Pero para moitos o máis prometedor foi escoitar dicir que a Sarah Bond que a finais de ano anunciarán novo hardware de Xbox (deixando así claro que Microsoft non deixa o mercado das consolas). Veremos se estamos ante unha actualización das consolas actuais, no lanzamento de versións Pro das consolas actuais ou incluso no lanzamento dun dispositivo portátil, pois son moitas as posibilidades que se barallan.
O que en calquera caso quedou claro é que continuarán a ofrecer grandes xogos en Xbox, que os xogos propios continuarán estando no Game Pass dende o primeiro día, que manteñen un calendario de lanzamento de hardware a longo prazo, que seguen a apostar pola compatibilidade do seu catálogo (favorecendo o xogo cruzado e o xogo na nube) e que tamén continuarán a axudar aos creadores de xogos a chegar á meirande audiencia posible.
Non quixeron desaproveitar a ocasión para facer un anuncio concreto: o 28 de marzo o xogo Diablo IV para PC e consolas Xbox chegará ao Game Pass. Este sería o comezo da chegada de grandes xogos de Activision Blizzard ao servizo de subscrición de Xbox.

Vídeo no que anuncian a chegada de Diablo IV a Game Pass

PUBLICIDADE