A PS5 tería vendido o dobre de unidades que Xbox Series X|S

venres, 9 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Que a PlayStation 5 está a vender moito mellor que as consolas Xbox da actual xeración non é ningún segredo, pero nos últimos tempos Microsoft non dá datos que permitan comparar o volume de vendas, pero o documento de presentación de resultados de Take-Two Interactive permítenos facer contas, xa que sostén que a 31 de febreiro de 2023 o parque de consolas da 9ª xeración sería de 77 millóns de unidades, e dado que sabemos que a PS5 superou os 50 millóns, podemos asegurar sen temor a errar que a consola de Sony vendeu o dobre que a de Microsoft.
Estes datos chegan nun momento no que se rumorea que Xbox vai levar os seus xogos exclusivos a PlayStation 5, aínda que en condicións por desvelar (pois resulta bastante diferente se o lanzamento é simultáneo nas distintas plataformas ou se para PS5 os xogos teñen unha fiestra considerable, como acontece coa chegada dos xogos de PS5 a PC).
Actualmente Microsoft parece centrada en orientar o seu negocio aos servizos, ou sexa, que prefiren subscritores do Game Pass a compradores de consolas Xbox, e as súas consolas nos últimos meses percíbense máis como un xeito accesible para entrar na nova xeración de consolas (lembremos que a Xbox Series S chegou a venderse por menos da metade de prezo que unha PS5) que non como unha plataforma con grandes xogos exclusivos. Tamén son un xeito moi cómodo para acceder ás vantaxes de Xbox Game Pass (que polo momento non están dispoñibles para PS5 nin Nintendo Switch).

PUBLICIDADE