The Daily estréase coma o primeiro xornal de pagamento exclusivo para iPad

mércores, 2 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Esta tarde no Museo Guggenheim de New York presentouse oficialmente The Daily, o primeiro xornal de pagamento exclusivo para iPad, que pode descargarse de balde da App Store norteamericana, aínda que dentro da aplicación conta con dúas modalidades de subscrición: 0,99 dólares á semana ou 39,99 dólares ao ano.
Esta publicación será exclusiva de Apple durante 2 anos e tratará temas como a últimas novas (actualizadas en tempo real, como unha páxina web), deportes, cultura popular, lecer, aplicacións, xogos, tecnoloxía ou corazón a través de texto, fotografías, vídeo, audio e gráficos nos que o usuario pode moverse cos seus dedos. The Daily inclúe máis de 100 páxinas con contido orixinal ao día, vídeos orixinais en alta definición, fotografías inmersivas, gráficos interactivos, información meteorolóxica local, pasatempos, resultados deportivos e posibilidades coma compartir versións adaptadas á web dos contidos da publicación a través de Twitter, Facebook e correo electrónico ou mesmo a posibilidade de gardar artigos para a súa lectura posterior.

The Daily aposta pola diversidade de contidos

Como exemplo da aposta pola calidade de contidos que Rupert Murdoch quere facer con The Daily, esta publicación estréase cun enviado especial a Exipto que leva todo o día informando a través de Twitter do que alí acontece, deixando claro que non estamos ante un medio que vaia a limitarse a replicar o contido que publican outros, de xeito que a orixinalidade dos seus contidos podería ser un aliciente suficiente para atraer subscritores, aínda que queda por ver se o público responderá positivamente ante esta proposta de pagamento cando na web existen moitos contidos de calidade de balde, aínda que non co nivel técnico de The Daily, pois esta nova aplicación para iPad naceu tras un proceso de desenvolvemento realmente complexo e un custo elevadísimo (duns 30 millóns de dólares), polo que dificilmente este proxecto podería servir de exemplo a outros medios para seguir os seus pasos.


Vídeo de presentación de The Daily

PUBLICIDADE