Thais Pousada participou en dous grandes eventos de tecnoloxías accesíbeis e universais

xoves, 5 de setembro do 2019 Redacción

Thais Pousada, investigadora do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (o CITIC) participou durante o mes de agosto en dous grandes eventos internacionais: por unha banda na edición número quince da Conferencia Internacional da Asociación Europea polo Avance da Tecnoloxía de Apoio (AAATE) e, pola outra, no Global Report on effective access Assistive Technology (GReAT), organizado pola Organización Mundial da Saúde.
No primeiro dos eventos, deu a coñecer os resultados de tres estudos desenvolvidos no eido estatal sobre o uso e a aceptación da tecnoloxía e produtos de apoio por parte de estudantes universitarios con diversidades funcionais. O congreso tivo lugar en Bolonia (Italia) do 27 ao 30 de agosto. Baixo o título Retos globais para a investigación, política e práctica, supuxo unha oportunidade para intercambiar coñecementos, ideas, así como establecer novas sinerxías de traballo con expertos internacionais.
Ademais, o CITIC estivo presente na formación da Alianza Internacional de Organizacións de Tecnoloxía de Apoio (IAATO), e participou na elaboración da Declaración de Bolonia 2019 (A Call for Action to Improve Access to Quality Assistive Technology for Realising Fundamental Human Rights and Achieving the Sustainable Development Goals).
Thais Pousada tamén asistiu ao GReAT, organizado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en Xenebra o 22 e 23 de agosto. Neste marco referencial presentou a experiencia da aplicación do modelo Matching Person & Technology como medida de resultados no proceso de asesoramento de produtos de apoio. Este encontro reúne a profesionais expertos e usuarios de todo o mundo para debater sobre as necesidades, prioridades e innovación para os dispositivos e tecnoloxías de apoio, e garantir o seu acceso a toda a poboación en igualdade de condicións.

PUBLICIDADE