Ter televisión no cuarto é o factor que máis prexudica no rendemento escolar

xoves, 22 de febreiro do 2007 Raquel Noya

Ó contrario do que moitos pais e mestres pensan, nin a videoconsola nin internet son os factores que máis inflúen negativamente no rendemento escolar dos cativos. Polo menos, así se reflicte nos datos recollidos do Informe PISA 2003 e publicados pola revista Padres y Colegios: a presenza da televisión no cuarto dos rapaces é o factor que máis dificulta os bos resultados académicos dos mesmos (iso si, o que o estudo non comprobou é se a teñen acesa durante horas ou apagada... non será importante). Esta análise educativa internacional levada a cabo en países como España, Italia, Suíza, Luxemburgo ou Bélxica concluíu que os alumnos que teñen televisión no seu propio cuarto obtiveron de media a nada desprezable cifra de 29 puntos menos en lectura e 23 menos na proba de matemáticas que os adolescentes que teñen este dispositivo nas zonas comúns do fogar.
Ben sexa por falta de sono, pola distracción incontrolada que proporciona ou pola súa nefasta programación que lles “seca” o cerebro, o caso é que este electrodoméstico converteuse no inimigo nº 1 do rendemento escolar dos cativos.
Outra das conclusións ás que se chegou mediante este estudo indica que a posesión dunha videoconsola conduce a un empeoramento medio do alumno cifrado entre 18 e 21 puntos menos na lectura, dependendo do país. A partir desta publicación, semella que xa non lles vai servir ós cativos o de que o Pro Evolution e outros videoxogos exercitan a mente como escusa para xogar máis. En realidade, non lles coará a eles (pode que ás mulleres si) porque, como dato curioso, na proba de matemáticas só se viron prexudicados os varóns que teñen videoconsola, mentres que o rendemento delas non se viu influenciado.
Porén, outras posesións relacionadas decote cun maior rendibilidade escolar, como ter un instrumento musical (so ter, non tocar!, cousa estraña!) ou escoitar a cotío música clásica, revélanse como pouco importantes á hora de aumentar ou baixar o rendemento escolar.

PUBLICIDADE