Teo presenta catro accións formativas sobre redes e ferramentas informáticas para a nenez

mércores, 4 de xullo do 2012 Redacción

A Aula de Informática do Concello de Teo organiza catro actividades para nenas/os durante o mes de agosto. Son, máis polo miúdo, tres obradoiros de balde e un curso, todos eles dirixidos a nenos e nenas de entre cinco e doce anos empadroados no municipio. Segundo informa o Concello, o curso será de iniciación á informática e desenvolverase entre o 1 e o 10 de agosto, con clases a mediodía. O seu custo é de 20 euros por alumno. En canto aos obradoiros gratuítos, o primeiro levará por título Os teus ídolos na internet e desenvolverase o 17 de agosto. O segundo achegará un Circuíto infantil pola rede e divídese nunha sesión o 21 de agosto, para os de 5 a 8 anos, e outra o 22 de agosto, para os de 9 a 12 anos.
Polo que atinxe ao último obradoiro, Primeiros pasos cun procesador de textos, celebrarase do 28 ao 30 de agosto sendo o seu obxectivo completar a formación de nenos e nenas que xa teñan algúns coñecementos básicos de informática.
Sobre as bases e requirimentos, o Concello explica: “Como condición común ás catro propostas, para que cada unha delas se realice debe contar cun mínimo de cinco participantes e no caso de que as solicitudes superen o número de prazas dispoñibles, serán sorteadas de maneira pública tres días antes do comezo das sesións”.
As listaxes definitivas serán expostas na Aula de Informática.
Para inscribirse, cómpre cubrir a ficha que está dispoñible na propia Aula de Informática, no Rexistro Xeral do Concello e na web municipal. No caso do curso, hai que entregar tamén na Aula de Informática o xustificante de pago das taxas, que se debe facer unha vez que se comprobe a admisión da solicitude.

PUBLICIDADE