Teo achega ás familias ao emprego responsábel das TIC

venres, 12 de xaneiro do 2018 Redacción

O Concello de Teo organiza este 13 de xaneiro, sexta feira, unha xornada formativa e divulgativa para as familias acerca do uso dos aparellos e os servizos dixitais nas novas xeracións. O obradoiro Uso responsábel das novas tecnoloxías fará fincapé nas cousas que poden facer as nais, os pais, as/os educadoras/es e as propias crianzas para garantir que as TIC dean o mellor de si tanto no fogar coma na escola coma no día a día dos menores de idade. A cita será ás 20.00 horas na Casa Común de Oza.
A actividade, segundo informa o Concello de Teo, está aberta a todas as familias do municipio interesadas nas vantaxes e nos riscos da sociedade dixital. Asemade, complementarase o encontro cun servizo de conciliación.
O relator da xornada será Xosé Luís Barreiro Cebey, natural de Teo e mestre de Primaria, cunha longa experiencia no mundo das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) no ámbito do ensino.

PUBLICIDADE