Tendas físicas e en liña celebran o Venres Negro en España

xoves, 28 de novembro do 2013 Marcus Fernández

A Internet provoca que a tradicional actividade comercial americana do Black Friday (ou Venres Negro) que concentra ofertas e descontos especiais previos á campaña de Nadal como incentivo para adiantar as compras teña cada vez máis forza en España, especialmente no ámbito da electrónica de consumo, e este ano confirma ter moita forza tanto en tendas en liña como en moitos establecementos físicos.
A cadea de tendas Media Markt é unha das que leva máis tempo apostando por este tipo de promoción, de este ano conta cun folleto de ofertas no que figuran películas e series de televisión a metade de prezo, así como unha selección de smartphones, tablets, televisores e ordenadores, entre outros produtos, a prezos atractivos (aínda que sen ofertas realmente rechamantes). Este establecemento destaca por xuntar o Black Friday co Cyber Monday, de xeito que as súas ofertas esténdense ata o vindeiro luns.
A tenda que si estrea a celebración do Black Friday é Amazon.es, e faino dun xeito especial, con ofertas cada hora dende as 10:00 horas, que en moitos casos chegan ao 50%, o que consegue un efecto chamada importante pese a que as promocións parecen estar moi lonxe das que están a verse en Amazon.com.
Máis variada é a promoción da FNAC, que na súa páxina web optou por ofrecer gastos de envío de balde xunto con descontos do 20% para cine, música, xoguetes e videoxogos, do 15% para tecnoloxía e fotografía e do 10% para libros, aínda que cómpre destacar que en todos estes casos un 5% do desconto correspondería ao desconto habitual para socios.
Na liña de Media Markt, El Corte Inglés tamén celebra o Black Friday durante varios días, aínda que sen chegar ao luns, incluíndo entre os seus días de promoción o domingo para establecemento que abran tal día e na súa tenda en liña, que durante estes 3 días de ofertas non cobrará portes para pedidos de máis de 50 euros.
Quen só celebra o Black Friday en liña é a cadea de tendas de telefonía Phone House, que oferta móbiles e tablets libres a prezo de custo e con gastos de envío de balde durante 24 horas.
Pero sen dúbida unha das grandes estrelas desta celebración é Apple, con moitos consumidores de todo o mundo agardando a esta data para realizar as súas compras, o que inicialmente decepcionou polo feito de que nalgúns países os descontos mudaran en vales de desconto para compras posteriores, pero afortunadamente en España non é así, e tanto en tendas físicas como a través da Internet (onde non se cobran portes, polo que resulta o método máis práctico de realizar os pedidos) podemos atopar descontos nos produtos estrela da empresa da mazá, co iPad Air a partir de 444 euros (o que supón un aforro de 35 euros), ou ordenadores como o iMac, o MacBook Air ou o MacBook Pro con prezos de partida que baixan 101 euros. Aínda que nos ordenadores o desconto é igual para os modelos básicos que para os máis avanzados, no caso do iPad Air afecta a cada chanzo de prezo, de xeito que o modelo de 128 Gb chegaría a un desconto de 65 euros. Os resellers de Apple tamén teñen cadansúas promocións durante a xornada (que nalgún caso chegan a mellorar as ofertas de Apple).
O sector dos videoxogos tampouco é alleo, e pese a coincidir o Black Friday co lanzamento da PlayStation 4 e coas rebaixas de outono de Steam, algunha cadea aproveitou a ocasión para realizar interesantes ofertas, como GameStop, que a través da súa web ofrece auténticas gangas como o xogo Michael Jackson: The Experience para Wii por 1 euro ou Dead Space 2 para PlayStation 3 por 5,99 euros.

PUBLICIDADE