Televés viaxa a Alemaña con dous novidosos produtos tecnolóxicos

martes, 26 de maio do 2009 Raquel Noya

A Corporación Televés, a primeira empresa do sector do noso país que dispón de Sistemas de Procesado de Sinais Dixitais propios, vén de presentar un novidoso módem que fai posible a conexión por banda larga do ordenador persoal e todos os equipos audiovisuais do fogar por medio do cable coaxial ou do eléctrico.
O revolucionario equipo vén de ver a luz na feira internacional ANGA Cable, a cita europea máis importante do sector que estes días se está a desenvolver en Colonia (Alemaña).
O novo módem para cable co que Televés sorprendeu aos asistentes de ANGA Cable, emprega tecnoloxía Intellon HomePlug e está deseñado para aproveitar ao máximo as posibilidades de entretemento que ofrecen os equipos informáticos e audiovisuais domésticos, por medio da interconexión entre eles. Deste xeito, os usuarios poden, entre outras actividades, empregar a televisión para xestionar todos os servizos de Internet ou, por exemplo, para ver fotos ou arquivos de vídeo e escoitar música aloxada no PC do fogar.
O equipo conéctase ao PC vía Ethernet ou a un decodificador dixital mediante cable coaxial. A partir de aí, o resto dos equipos audiovisuais do fogar conéctanse en rede a través do cable coaxial ou, facendo uso dun adaptador, a través do cable eléctrico.
Deste xeito, pódese xestionar e disfrutar de todos os contidos audiovisuais dende calquera lugar do domicilio que dispoña dun punto de conexión por cable coaxial ou, simplemente, dun enchufe eléctrico. Este carácter híbrido confírelle aos equipos unha grande versatilidade, ao tempo que lles garante aos usuarios unha boa conectividade e fiabilidade.
O novo produto estrela da compañía estará exposto no stand de Televés (B-30) na devandita feira internacional ata o vindeiro 28 de maio, data na que remata o evento.

Primeira antena intelixente para TDT e HDTV
Asemade, nesta mesma cita internacional, Televes aproveitou para presentar a súa nova DAT HD, a primeira antena “intelixente” desenvolvida específicamente para a televisión dixital terrestre (TDT) e a futura televisión de alta definición (HDTV).
Con este novo dispositivo (que logo se converteu nun dos grandes atractivos do stand de Televés en Alemaña), a multinacional española “confirma a súa condición de líder mundial no desenvolvemento tecnolóxico de antenas e equipos para a recepción, amplificación, medición e distribución deste sinal de radio-televisión”.
A DAT HD foi desenvolvida tendo en conta as particulares características do sinal dixital, para aproveitar todo o seu potencial e garantir a recepción en óptimas condicións da televisión de alta definición (HDTV).
O elemento que convirte a DAT HD nunha antena verdadeiramente revolucionaria é o BOSS Tech (Balanced Output Signal System), unha tecnoloxía desenvolvida e patentada por Televés que permite regular de maneira automática o nivel do sinal de saída.

PUBLICIDADE