Televés salienta a súa tecnoloxía zas Hbb para acceder á oferta á carta do Botón Vermello de RTVE

mércores, 18 de setembro do 2013

Televés amosou estes días o seu apoio á campaña Botón Vermello de Radio Televisión Española, unha iniciativa dirixida a posibilitar o acceso da cidadanía a 90.000 horas de programación a elección do usuario. Trátase, en palabras da compañía emprazada en Santiago de Compostela, da primeira gran aposta pola televisión interactiva HbbTV (ou televisión híbrida) que se realiza en territorio español, un completo recurso de contidos que segundo engade a firma galega de telecomunicacións, está ao dispor dos espectadores a través dos televisores convencionais “con só conectalos ao receptor zas Hbb de Televés”.
Co novo servizo da televisión pública española, engade a firma, basta premer no botón vermello do mando a distancia para acceder a todos os contidos de RTVE divididos en catro bloques: Á Carta, Informativos, Deportes e Clan (programación infantil).
Para quen non saiba en que consiste esta tecnoloxía, Televés explica que HbbTV é un estándar aberto que permite combinar o modo tradicional de acceso aos contidos das cadeas televisivas, segundo unha grella de programación pechada, cunha oferta moito máis ampla ante a que o usuario ten total capacidade de decisión. E engade: “As dúbidas que até hai pouco expuña esta solución vanse esvaecendo, con decisións tan importantes como a de RTVE de pór en marcha 90.000 horas de contidos a elección do usuario, a través da súa campaña Botón Vermello”.
A HbbTV combina, en definitiva, as potencialidades da televisión tradicional coas de Internet, “coa vantaxe engadida dun manexo moi intuitivo e sinxelo a través do mando a distancia”, explica a compañía, para quen está claro que unha das grandes vantaxes desta tecnoloxía é que non esixe cambiar de televisor, abonda con conectalo a receptores como é o zas Hbb de Televés. “Con este tipo de equipos, á calidade de imaxe e son que ofrece a TDT a través das canles de alta definición (HD) súmase unha oferta extraordinariamente ampla ante a que o usuario ten o poder de decidir que quere ver en cada intre”, conclúe.

PUBLICIDADE