Televés presenta novos dispositivos tecnolóxicos con prestacións á medida das demandas actuais

mércores, 2 de maio do 2012 Raquel Noya

Televés segue a marcar o paso firme que iniciou no sector moito antes de que a Televisión Dixital Terrestre deixara de ser unha utopía no noso país, fabricando equipos para a recepción e distribución do sinal que melloran a experiencia tanto do usuario como do técnico instalador, ao facilitarlle o seu labor con dispositivos doados de usar.
Desta volta, coincidindo coa incipiente reubicación das frecuencias que se vai levar a cabo en breve, vén de lanzar unha nova gama de amplificadores monocanle T.12, que ademais de levar o selo LTE Ready de Televés, aportan, segundo afirman, “un inmellorable rendemento no tratamento do sinal, cuns axustes de frecuencia precisos e sinxelos”.
Estes amplificadores monocanle T.12 preséntanse en once referencias e son unha evolución avanzada da súa liña de produto anterior, mellorando a fiabilidade e estabilidade que ofrecían.
A maiores ofrecen alimentación remota de previos e son compatibles co modelo anterior T.03, respecto do que se mellorou substancialmente o deseño da blindaxe e a súa fonte de alimentación, que agora pode dar servizo ata a 24 módulos.

Tecnoloxía naval para a mellora das telecomunicacións

As achegas da firma compostelá para este mes de maio non rematan coa nova gama de amplificadores, e no marco do Plan NP100 para poñer no mercado un cento de novidades de produto en 18 meses, tamén lanzou a torre Q1500, fabricada en aceiro inoxidable de alta pureza e cun deseño totalmente innovador, baseado en tecnoloxía naval.
Esta torre alcanza os 14,5 metros de altura con tan só 1,5 metros de radio, “o que supón aforrar 401 metros cadrados en terreo para a instalación respecto a un equipo convencional de similares características”, aseguran.
Grazas aos materiais empregados, ao seu deseño e á tecnoloxía de fabricación de Televés, a Q1500 ten unha duración practicamente ilimitada, á que hai que engadirlle a súa resistencia mecánica, rixidez torsional e unha gran facilidade de manipulación e montaxe, cun novo sistema de racores que simplifica a unión entre os tramos.
Polas súas “extraordinarias características, altas prestacións e baixo mantemento”, din dende Televés que está recomendada para a súa instalación en zonas onde as torres que soportan antenas poidan supoñer un risco para as persoas, como colexios, hoteis, urbanizacións ou mesmo vivendas unifamiliares; e tamén pode ser empregada para a instalación de antenas de radioafeccionado.
A súa resistencia aos axentes atmosféricos converten á nova Q1500 nunha torre ideal para zonas de alta salinidade ou contaminación industrial.

PUBLICIDADE