Televes premia ás mellores solucións de incidencias relacionadas coa TDT

mércores, 9 de setembro do 2009 Raquel Noya

A firma galega de telecomunicacións Televes, líder aboluta do mercado por tecnoloxía e cota de penetración, volve de novo á carga na súa aposta pola dixitalización do sinal de televisión e comeza o curso cunha máis que envexable carga de enerxía e optimismo. A empresa, que o pasado ano cumpría o medio século de vida, leva un tempo apostando forte pola TDT, e o seu traballo actual consiste, preferentemente, en darlle un cambio total aos procesos de tratamento do sinal de TV, co conseguinte deseño de productos e incremento da complexidade dos mesmos para mellorar en todo o posible a calidade da imaxe. A última fazaña deste grande da tecnoloxía, foi a posta en marcha dunha iniciativa que premia aos instaladores que atopen as mellores solucións técnicas para resolver incidencias vinculadas coa Televisión Dixital Terrestre (TDT). Trátase dun concurso internacional no que poderán participar todos aqueles profesionais da instalación que empregaran a antena DAT HD da firma, como parte dunha solución técnica para obter recepción da TDT. Para participar neste concurso, que os seus creadores deron en chamar, 1.000 antenas, 1.000 solucións, os instaladores deben comunicar os detalles da solución técnica implantada por medio dun informe, e cubrir un formulario aloxado na web da antena DAT HD. Os tres mellores informes recibirán como premio sendos medidores de campo portátiles H45, os primeiros da súa clase que incorporan o procesado dixital. O gañador do primeiro premio obterá un H45 Advance, valorado en 3.995 euros; o segundo premio será un H45 Compact HD (3.000 euros), e o terceiro premio consistirá nun H45 Compact (2.550 euros). Asemade, segundo veñen de anunciar os responsables da iniciativa, os“1.000 primeiros informes validados que cheguen a Televes serán premiados cunha antena DAT HD” Esta iniciativa, que reafirma o compromiso de Televes de estar permanentemente ao lado dos profesionais da instalación, ofrecéndolles a mellor tecnoloxía e o soporte técnico necesario para xestionala, forma parte da campaña mundial de lanzamento da nova DAT HD, que se presentou en primicia na feira ANGA Cable (Colonia, Alemaña, 26-28 de maio).
A antena DAT HD foi desenvolvida tendo en conta as características particulares do sinal dixital, para aproveitar todo o seu potencial e garantir a recepción en óptimas condicións da televisión dixital terrestre e todos os seus servizos embebidos, como a televisión de alta definición (HDTV). O elemento que converte a DAT HD nunha antena “verdadeiramente revolucionaria” é o BOSS Tech (Balanced Output Signal System), unha tecnoloxía desenvolvida e patentada por Televes que permite regular de xeito automático o nivel do sinal de saída. Deste modo, a DAT HD convérsese, segundo afirmaron dende a empresa, “nunha auténtica antena intelixente”.

PUBLICIDADE