Televés potencia a eficiencia lumínica das oficinas de Correos de Suecia e Dinamarca

martes, 2 de agosto do 2022 S. P.

A empresa compostelá Televés deu novos e importantes pasos no seu espallamento internacional e na súa consolidación mundial como firma referencial do sector da nova enerxía (máis sustentábel, eficiente, rendíbel, automatizada e intelixente). Segundo informou a compañía galega de tecnoloxías de telecomunicacións e eSaúde, vén de dotar os novos edificios de PostNord AB (operador de servizos postais nos países nórdicos) en Ljunby e Norrköping dunha infraestrutura de iluminación eficiente. O operador postal valorou o soporte técnico e capacidade de simulación virtual do proxecto que presentou Televés, con subministro integral de torres, farois e luminarias.
PostNord AB
PostNord AB é un provedor de servizos postais que opera principalmente nos países nórdicos. A pesar da súa recente creación no ano 2009, está a consolidarse como líder no seu sector grazas a que fusionou aos provedores de servizos postais daneses Post Danmark A/S e suecos Posten AB.
Segundo informa Televés, a compañía de propiedade estatal sueca ao 60% e danesa ao 40% é un exemplo de xestión internacional, con paridade de dereitos de votación ao 50%. Nas últimas décadas, a explosión de Internet e o maior manexo de plataformas dixitais significou unha diminución notábel de máis do 86% na cantidade de cartas físicas enviadas, o que obrigou a evolucionar a súa estratexia de negocio para centrarse máis na entrega de paquetes, afectada en datas vindeiras polo aumento do volume de comercio electrónico.
Os novos edificios de Ljunby e Norrköping
Para mellorar a eficiencia loxística dentro da súa estratexia de negocio, PostNord construíu dous novos centros loxísticos, que tamén necesitaban a solución máis eficiente para iluminar o exterior das naves e a zona de seguridade e acceso. Para iso Televés ofreceu unha gama completa de solucións, afíns a cada necesidade. Entre elas destacan as luminarias AtmosLED para as contornas perimetrais e zonas de estacionamento e os proxectores Flex para zonas de entrada e maior tránsito. “A gran particularidade de este este mercado é que pola súa localización xeográfica necesitan máis de 20 horas diarias de proxección de luz artificial durante os períodos invernais, pero só dispoñen dun par de horas ao día de escuridade nos períodos estivais”, lembra a empresa de Compstela, recordando tamén que éste é o quinto proxecto que desenvolve Televés para o seu cliente Elajo, quen desde o primeiro momento agradeceu a cooperación da oficina técnica nas fases de definición das necesidades, con estudos específicos para cada área ou zona a iluminar. Segundo Christopher Flotow, prescriptor de iluminación de Televés Escandinavia, “este mercado valora que acompañes ao cliente en todas as fases do proxecto, coa facilidade que ofrece Televés ao entregar a solución completa, desde as torres e soportes até os farois e luminarias, cunha vocación de servizo e unha cualificación técnica que transmite confianza e afianza as relacións a longo prazo”.
Televés despregou para ambos os edificios 14 torres de até 18m de altura, onde foron habilitadas case 100 luminarias cos seus respectivos soportes, entre os que destacan os modelos de proxectores Flex con soportes de cruceta e parede e as luminarias AtmosLED con soportes verticais.

PUBLICIDADE