Televés participa xunto cunha vintena de empresas punteiras galegas no Fórum de Emprego FESTEM

luns, 31 de outubro do 2022 S. P.

O Campus Industrial de Ferrol organiza este venres 4 pola mañá o Fórum de Emprego FESTEM, no que participan preto de 20 empresas do ámbito da enxeñaría de distintos puntos de Galicia tales como a tecnolóxica Televés, REGANOSA, JEALSA, GEFICO, FINSA, Galopín, Ghenova Ingenieros, ECOMMT, Nordés, Acebrón, CT Ingenieros, Norvento, Enxería, Cetus Group, Instra Ingenieros, ASCEGA Emprendedores de Galicia, Armaduras Metálicas San Juan e o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (CLUERGAL).
O gran obxectivo deste encontro é mellorar a empregabilidade do alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), aínda que o evento permite que calquera outra persoa interesada poida visitar os stands das empresas participantes nunha carpa situada entre a escola, a Igrexa Parroquial de Esteiro e o Centro Cultural Universitario. “Este será un espazo de encontro no que terán a oportunidade de coñecer máis polo miúdo ás empresas, entregar o seu currículo vitae e participar en simulacros de entrevistas por video-conferencia”, informaron fontes do Campus, entadindo que o foro ten programados seis obradoiros formativos dirixidos a toda a comunidade universitaria no Campus Industrial de Ferrol. Ao longo da xornada, o Salón de Actos Concepción Arenal acollerá cadanseu obradoiro destinado a coñecer mellor o mercado laboral STEM (acrónimo de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática), a descubrir que buscan exactamente as empresas nun candidato ou candidata, a aprender as xestionar correctamente un perfil de LinkedIn, a explorar a vía do emprendemento, a preparar unha entrevista ou a deseñar un currículo vitae efectivo. Todos eles, poderán seguirse en directo a través da canle de YouTube do Campus Industrial de Ferrol.

PUBLICIDADE