Televés participa nun programa europeo para crear produtos TIC de xeito doado e eficiente

martes, 28 de abril do 2015 Redacción

A empresa galega Televés vén de informarnos da súa participación nun programa europeo para crear unha innovadora plataforma de software que contribúa a dar forma, á súa vez, á Internet do día de mañá. Trátase do programa Fed4FIRE, financiado polo Sétimo Programa Marco de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico da Unión Europea (FP7) e cuxo obxectivo é, segundo nos conta a firma compostelá, “crear unha plataforma de software que proporcione ferramentas sinxelas e de fácil acceso a diferentes tipos de infraestruturas heteroxéneas (nube, redes Wi-Fi, redes de radio, Cidades Intelixentes, etc)”.
Logo, unha vez materializada, a ferramenta resultante terá importantes usos na investigación de produtos baseados na Internet do futuro. “E todo iso co obxectivo de obter produtos no menor tempo posible, con mellor calidade e cun menor esforzo técnico e económico”, explica Televés.
A participación da firma galega no proxecto permitiu, máis en detalle, investigar e probar o novo sistema de xestión e control remoto de cabeceiras de televisión T.0X, un recurso que permitirá ao usuario controlar a distancia calquera cabeceira de TV desde calquera parte do mundo facendo uso dun dispositivo móbil (tableta, teléfono intelixente, etc.) dunha maneira sinxela.
Segundo explica a empresa acerca da súa experiencia e do seu xeito de concorrer no programa, “hoxe en día, os mercados europeo e americano demandan cada vez máis servizos innovadores de mantemento remoto e sinxelo facendo uso de dispositivos móbiles, debido aos custos que supoñen os desprazamentos e os tempos de espera; Televés asume o reto de crear unha nova versión mellorada do sistema de xestión e control remoto de cabeceiras de TV, máis rápida e eficiente, e con capacidade para ofrecer os seus servizos desde dispositivos móbiles”. Nesta nova versión, o servidor central (no que todas as cabeceiras están conectadas), ten dúas funcionalidades principais: a primeira autoriza establecer unha relación entre as cabeceiras e o usuario, mentres que a segunda permite executar o protocolo de comunicación con cada cabeceira.
Os obxectivos das probas que realizará a compañía galega serán os seguintes: “Simular un escenario real para comprobar se este novo sistema de xestión e control de cabeceiras pode soportar unha gran cantidade de usuarios e cabeceiras, co obxectivo de optimizar os servizos actuais e investigar a capacidade do sistema para a creación de novos servizos de valor engadido que serán demandados no futuro”.

PUBLICIDADE