Televés mostrará en Anga Com Digital 2021 os seus últimos avances en hospitality

mércores, 2 de xuño do 2021 S. P.

A edición 2021 do evento tecnolóxico internacional Anga Com levarase a cabo en formato totalmente virtual entre os días 8 ao 10 de xuño, reunindo unha axenda con máis de 180 relatores e 40 paneis. Entre as empresas máis sobranceiras que presentarán as súas últimas novidades atópase a galega Telvés, que centrará a súa presenza este ano no sector da hostalaría. Contará cunha caseta dixital dende a que mostrará as potencialidades das súas infraestruturas de telecomunicacións para hoteis e hospitais, onde se integran os sistemas de xestión xunto cos servizos audiovisuais máis avanzados para os seus hóspedes, nunha única rede multiservicio de alta velocidade.
Segundo explican fontes da compañía con sede en Compostela, “o sector hospitality é un dos alicerces estratéxicos de Televés”, ao abeiro do cal despregou redes multiservizo de fibra óptica e sen fíos, integrando o software de xestión PMS e BMS para brindar control de servizos en todo o edificio, como CCTV, programación de iluminación e climatización, ou vixilancia de accesos de entrada.
Televés engade que desenvolveu tecnoloxías para ofrecer información e entretemento en calquera pantalla de TV e personalización de contidos para cada habitación do hospital obxecto dos seus desenvolvementos, como IPTV, televisión interactiva, casting de contidos, etc., mediante o despregue de solucións Fiber to the Room (FTTR), puntos de acceso Wi-Fi e portais de sinalización dixital, que despregou para centos de hoteis e hospitais de todo o mundo.
Guillermo Fernández, director de Produto Hospitality de Televés define a aplicación dunha rede multiservizo avanzada como "a solución perfecta para que o xerente do edificio logre unha integración fluída dos sistemas e aplicacións propios con servizos avanzados de información e comunicación para o hóspede" nunha infraestrutura que pode xerar aforros en OPEX de até un 30% e un 80% en CAPEX, facendo das solucións de Televés Hospitality unha garantía de eficiencia e servizo a 360º.

PUBLICIDADE