Televés mostrará as súas novas contribucións aos edificios intelixentes no novo encontro AMETIC
xoves, 26 de agosto do 2021
O
director xeral de estratexia de Televés
Corporación, José Luis Fernández Carnero, participará os
próximos días 1, 2 e 3 de setembro no 35º
Encontro da Economía Dixital e as Telecomunicacións, #Santander35.
O evento organizado por AMETIC baixo a lema Reencontro,
Recuperación e Reinvención, centrarase nesta edición 2021 na
transformación dixital e a transición ecolóxica como bases para
revitalizar a economía, a industria e a sociedade.
Contarase
con algunhas das figuras empresariais máis importantes do sector,
convertendo este evento en referencia dentro da industria
tecnolóxica.
Serán,
segundo confirma a empresa galega de telecomunicacións e equipamento
para os fogares dixitais, tres xornadas nas que se debaterá ao redor
das posibilidades das tecnoloxías avanzadas para habilitar novos
xeitos sustentábeis, eficientes e intelixentes de facer riqueza,
“especialmente durante os próximos anos que serán clave para o
desenvolvemento do noso país”, sinala Televés.
Fernández
Carnero, que representa a Televés Corporación neste encontro desde
2016, centrará o seu relatorio na conversión dos edificios en
intelixentes a través da conexión cun nodo loT (Internet das
Cousas), reinvindicando a importancia para o sector hospitality
do hotel conectado. Carnero explicará como o edificio intelixente
converteuse nun reto de sustentabilidade, ecoloxía, eficiencia e
tecnoloxía, poñendo o foco no que facer para que a experiencia
turística sexa “mellor e con menor impacto en destino”:
comunicar os edificios turísticos. Para iso, avanza Fernández
Carnero, “o hotel debe dispor da instalación dun nodo IoT conforme
a normativa UNE178504, ademais dunha norma semántica de edificio
(hotel como edificio) para que os aloxamentos poidan comunicarse coa
plataforma do destino”. Segundo engade, “o nodo loT é quen de
procesar os datos do edificio, conectar e interoperar con outras
plataformas e, por suposto, garantir a privacidade dixital, amais de
mellorar a habitabilidade e calidade de vida no edificio”.
A
participación está concibida como un evento híbrido, cun
compoñente virtual (en aberto) e outro físico (reservado para
patrocinadores e invitados) na cidade de Santander.