Televés inaugura en Santiago o seu novo centro de traballo Galileo

luns, 9 de maio do 2022 S. P.

O grupo compostelán Televés Corporación subiu este mes de maio, oficialmente, un novo chanzo en materia de medre e espallamento. Fíxoo coa inauguración (este luns 9 de maio) do seu novo centro de traballo Galileo, que acubillará a partir de agora as área de negocio da compañía. Na cita participou o director executivo de Televés, Santiago Rey Requejo, arroupado polos case 60 traballadores que alí se trasladan. Na inauguración oficial das novas dependencias descubriuse unha placa conmemorativa como referencia deste fito histórico da corporación.
Tamén participaron Iván Rodríguez, director da área de iluminación LED profesional, Guillermo Fernández, director da área Hospitality, Esther Gómez, directora de Transporte Óptico e Televés Global Services, e Marcos Mata, director de Desenvolvemento de Software.
Segundo comentou Santiago Rey, “a nosa corporación segue diversificando as súas áreas de negocio para seguir crecendo en cota de mercado e complementar o mercado tradicional da distribución de servizos de televisión en edificios e fogares. Así, apostamos por un futuro sempre apoiado no coñecemento tecnolóxico adquirido e que se base nas eficiencias de todas as súas verticais, centradas nas infraestruturas de comunicacións".
Rey explicou que a orixe do centro Galileo acabado de inaugurar hai que rastrexala no medre das áreas de hospitality, iluminación LED profesional e transporte óptico, frontes de traballo xa consolidadas na corporación e cuxa actual relevancia obrigou a “organizar os grupos de traballo co fin de aproveitar as sinerxías da forma máis eficiente posíbel”. Froito diso, Televés Corporación habilitou o edificio corporativo situado na Vía de Galileo, no Polígono do Tambre, en Santiago. ao que se trasladan o persoal de Televés e Arantia relacionado coas devanditas áreas, ás que se suman os departamentos relacionados co soporte técnico e funcións de desenvolvemento de software: un total de case sesenta persoas, que inclúen departamentos de negocio, xestión, deseño, software e soporte técnico, e que disporán de zonas de traballo personalizadas onde desenvolver todo o crecemento proxectado para estas áreas de negocio nos vindeiros anos.
O novo centro foi deseñado e estruturado para “potenciar as dinámicas dos equipos de traballo e pór en valor a transversalidade”, sinalouse na inauguración, onde se engadiu que o inmóbel conta con tres andares en total, estando habilitada un deles con máis de 1.000m2, que contará con salas técnicas de última xeración para cada área de negocio, de forma que os desenvolvementos de produto e solucións conten con todos os medios necesarios de configuración e probas antes de entrar en fase de industrialización e produción.

PUBLICIDADE