Televés é recoñecida no Atlas de Marcas Renomeadas polo seu labor fóra de España

mércores, 20 de marzo do 2013 Redacción

Dar o recoñecemento debido e expor a proxección e presenza internacional das principais empresas e marcas estatais no exterior son os obxectivos da proposta do Foro de Marcas Renomeadas (que conta co apoio do ICEX) e que vén de incluír á galega Televés Corporation no Atlas de marcas líderes españolas. Inserida no eido Industria e Tecnoloxía, Televés -e Tredess, firma integrada en Televés Corporation- vén de ser nomeada Marca con Alto Potencial Internacional (MAPI).
O Atlas de marcas líderes españolas realizou unha análise da compañía compostelá, na que se salientou a presenza das súas marcas (Televés, Arantia, Gamelsa, GCE, Gainsa, Gsertel e ISF) en máis de 90 países, ben pola vía da exportación ou ben a través da implantación de filiais en diversos países. Pola súa banda, Tredess -a filial de Televés Corporation especializada no deseño, desenvolvemento e fabricación de equipamento para a difusión do sinal de televisión dixital terrestre- entra tamén no Atlas como Marca con Alto Potencial Internacional (MAPI).
As firmas incluídas no Atlas sobresaen por unha forte aposta no desenvolvemento de vantaxes competitivas, pola innovación e polo valor engadido, converténdose deste xeito en embaixadoras do conxunto de produtos e servizos españois e da imaxe do país, sendo así impulsoras do conxunto do tecido produtivo español.

PUBLICIDADE