Televés confirma que o seu terceiro mercado de exportación de tecnoloxías é o Reino Unido

martes, 29 de outubro do 2013 Redacción

En contra do que se pode pensar en materia de internacionalización e busca de novos mercados para as nosas empresas, non sempre a mellor opción é centrarse unicamente en mercados emerxentes. En ocasións, competir na casa dos países supostamente líderes tamén é unha boa alternativa. Así nolo contan dende a empresa galega Televés, que confirmou os días pasados que o Reino Unido é xa o seu terceiro mercado de exportación. Isto foi posíbel en boa medida grazas ao éxito que colleitou no país a filial británica a firma galega, Televes UK, na venda de filtros RF, que son os equipos que evitan as interferencias no fogar entre os sinais da nova xeración de telefonía móbil (4G) e a televisión dixital terrestre (TDT). Por certo que estes filtros, unha vez que a primeira das tecnoloxías obteña na nosa terra máis despregamento (polo de agora A Coruña e Vigo concentran case tódolos traballos), tamén serán de uso recomendábel en moitos dos nosos fogares.
Segundo informa a empresa de Santiago, o seu labor no dito país non só é beneficioso para a propia compañía, senón tamén para as compañeiras galegas que veñan logo. Ao fío disto, cómpre lembrar que Televes UK tomou parte recentemente nun encontro de empresas con presenza no mercado británico promovido pola Xunta de Galicia e neste foro púxose de manifesto que o Reino Unido é un destino cada vez máis importante para as exportacións galegas, que rexistran un aumento do 24% no que vai de 2013. A xuízo da firma compostelá, para esta penetración das empresas galegas nos mercados deste país “é crucial o papel de compañías como Televés, que leva máis de dúas décadas traballando no Reino Unido”. De feito, Televes UK (TUK) opera desde 1988 e, desde os seus inicios, rexistrou un crecemento sostido até a estabilización da súa cota de mercado entre o 10% e o 15%, dato especialmente relevante nun mercado con especialización tecnolóxica moi local.
A firma centra a súa estratexia comercial no Reino Unido no soporte ao instalador profesional, acadando bo posicionamento nos segmentos de antenas, centrais de amplificación e medidores de campo. “Este ano”, engade a firma galega, “o negocio da nosa filial británica obtivo un impotantísimo impulso, tras ser seleccionada polos operadores para fornecer complementos para os equipos de recepción que aseguren a boa convivencia entre os sinais dos servizos móbiles 4G e a TDT”. O éxito comercial dos filtros RF desenvolvidos pola compañía para este fin supuxo para a filial británica duplicar o seu volume de vendas en termos interanuais. Deste xeito, o Reino Unido situouse como o terceiro mercado de exportación para Televés, tan só por detrás de Alemaña e Portugal.

PUBLICIDADE