Telefónica xa é socia tecnolóxica preferente do Celta no proxecto Galicia Sports 360

xoves, 12 de xaneiro do 2023 S. P.

O director de Empresas de Telefónica España, Adrián García Nevado, e o presidente do RC Celta, Carlos Mouriño

A operadora Telefónica formalizou este 12 de xaneiro un acordo co Real Club Celta polo que se converte en socia tecnolóxica preferente da entidade viguesa no proxecto estratéxico Galicia Sports 360 Factoría do Deporte Galego. O obxectivo do Celta é liderar a transformación dixital da industria do deporte en Galicia. A iniciativa foi cualificada pola Xunta de Galicia como “proxecto de interese autonómico” o pasado 10 de novembro.
O acordo sitúa a compañía de telecomunicacións nunha “posición privilexiada” fronte a outras empresas do sector para atender as demandas tecnolóxicas en infraestruturas, en servizos dixitais e en equipos ou metodoloxías de innovación coas que se dotará ás instalacións do complexo proxectado e aos profesionais.
O obxectivo do RC Celta é adecuarse “aos novos desafíos e formas de entender o deporte que a economía e a sociedade dixital están a impulsar, e que expoñen retos como a xestión dos equipos cos clientes dixitais, a dixitalización dos clubs ou o aumento de ingresos a través do digital business, para lograr ser máis competitivos”, explicaron dende a entidade deportiva viguesa. En virtude disto, o Celta cualificou a Telefónica como “o socio tecnolóxico ideal para acometer este reto”.
Pola súa banda, Telefónica salientou o carácter “estratéxico” deste proxecto e expresou o seu convencemento en que pode achegar “todo o seu potencial tecnolóxico” e “a súa capacidade de innovación” para converter a Galicia Sports 360 “nun proxecto de referencia no ámbito do sportech”.
A alianza ratificouse este 12 de xaneiro durante un encontro celebrado na sede central de Telefónica en Madrid entre a Dirección de Empresas de Telefónica España -Adrián García Nevado, Javier Vizcaíno Toscano e Santiago Tripero Oter-, e o presidente de RC Celta, Carlos Mouriño, a directora executiva (CEO) de Galicia Sports 360, Marián Mouriño, e Carlos Cao, director da área de Negocio de RC Celta, no que se asinou o acordo marco de colaboración.
Galicia Sports 360 é o proxecto máis relevante e ambicioso da historia do RC Celta. Contará cun investimento de ao redor de máis de 120 millóns de euros e unha superficie total de 300.000 metros cadrados en Mos (75.000 de superficie construída entre os que se atopa unha área multiusos de ata 10.000 espectadores ou un mini-estadio de ata 4.000 espectadores), que abranguerá diferentes liñas de traballo relacionadas co deporte: investigación e saúde, innovación e formación, lecer e multideporte ou fútbol e canteira, entre outras.

PUBLICIDADE