Telefónica traballará para afianzar o sector gandeiro na Internet das Cousas

xoves, 21 de xaneiro do 2016 Redacción

Telefónica Business Solutions e Cattle-Watch, firma especializada na xestión de gando e animais de cría, veñen de facer público un acordo para fornecer solucións de conectividade IoT (polas súas siglas en inglés, Internet das Cousas) á industria gandeira de América Latina e Norteamérica. A través desta alianza entre as dúas compañías, Cattle-Watch incorporará aos seus produtos a solución Smart m2m, a plataforma web desenvolvida integramente pola empresa de raizame española para a xestión e o control das comunicacións IoT.
Segundo fai saber a operadora, o acordo implicará “importantes vantaxes para o sector gandeiro”, como por exemplo o subministro de información continua sobre a localización e o estado dos animais, a súa saúde nutricional ou datos sobre doenzas e fertilidade. A maiores, a solución de Cattle-Watch permite, tamén, coñecer a calidade dos pastos, recibir no dispositivo intelixente alertas temperás de roubo ou empregar drons con cámara incorporada para facilitar operacións como o reconto dos animais.
Polo que se refire á plataforma Smart m2m de Telefónica, posibilita aos seus usuarios maior marxe de conexión e unha xestión integral da operatividade IoT “máis fiábel e segura”. E engade Telefónica: “A solución incorpora excelentes funcionalidades que permiten un consumo en tempo real, supervisión, seguimento global ou detección de fraude, así como plans de comunicación flexíbeis”. Seguindo fai saber o presidente da xunta directa de Cattle-Watch, Ehud Sasi, “a finalidade do sistema é levar máis alimentos ao mundo, e a colaboración con Telefónica permitiranos impulsar o despregamento do sistema en beneficio dos gandeiros de todo o planeta”.

PUBLICIDADE