Telefónica sitúa o certame galego InvestigArte entre as cen propostas de divulgación científica máis eficaces

venres, 11 de xullo do 2014 Redacción

O concurso InvestigArte, unha achega da USC e educaBarrié para amosar mediante a creatividade o longo alcance (implicacións multinivel) dos achados científicos, vén de ser seleccionado pola Fundación Telefónica entre as cen iniciativas máis eficaces para fomentar as vocacións investigadoras e tecnolóxicas. A fundación, que conta entre os seus obxectivos o de identificar iniciativas educativas innovadoras con potencial demostrado de éxito, fai estudos continuos e pormenorizados sobre o estados de cousas da innovación a nivel galego e do resto das comunidades (como por exemplo os repasos sobre a Sociedade da Información que amosan a realidade dixital de Galicia).
Volvendo a InvestigArte, dicir que xa vai pola segunda edición e que, en palabras dos seus responsábeis, tira partido do factor visual para explicar ás novas xeracións e á sociedade en xeral o alcance das innovacións científicas e tecnolóxicas asociadas a proxectos de investigación. Precisamente os grupos de investigación, así como alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, son os destinatarios deste concurso. Como dixemos, no seu desenvolvemento cooperan o Campus de Excelencia Internacional da USC, Campus Vida; educaBarrié (a canle de comunicación coa comunidade educativa da Fundación Barrié); aos que cómpre engadir o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS).
Segundo informa a USC, o certame xurdiu a partir dun grupo de investigadores novos interesados en atopar xeitos de dar a coñecer a investigación actual e adiantar e visualizar as súas futuras implicacións na mellora da nosa calidade de vida. Trátase, indican, dun concurso científico-visual. Polo tanto, InvestigArte tenta desenvolver novas canles de comunicación na difusión da ciencia, “en tanto que realidade pouco coñecida para o gran público” propiciando o achegamento dos grupos de investigación e os seus resultados á sociedade.

PUBLICIDADE