Telefónica renova a súa central de Montiño para facela máis eficiente

luns, 10 de abril do 2023 S. P.

Torre de Montiño nunha imaxe de NH Diario

Telefónica está a ampliar as súas instalacións na nosa terra e levando a cabo unha serie de melloras de equipos na central de Montiño, que é, segundo lembra a operadora, a central máis importante da Coruña e “unha instalación estratéxica non só en Galicia, senón no norte de España”. Os traballos de posta a punto consisten en liñas xerais en aumentar de “xeito substancial” a capacidade das infraestruturas actuais. As reformas inciden na sustentabilidade ambiental, con importantes renovacións dos equipos de climatización e enerxía.
Mellorouse a climatización de toda a central e procedeuse a redundar os equipos das salas críticas e securizar ao máximo a rede. En obra civil ampliouse en 250 m2 o espazo para a instalación de equipos críticos, aumentouse a sala de TI, acondicionouse unha nova sala de 300m2 para albergar o centro de proceso de datos, acondicionouse a cuberta e fixéronse melloras en todo o edificio para insonorizar os equipos e reducir, por tanto, a contaminación acústica.
As modificacións realizadas na central de Montiño enmárcanse no “compromiso estratéxico de Telefónica co coidado do planeta e a protección do medio ambiente”, segundo engadiu a operadora, que se fixou como obxectivo as cero emisións netas en 2040, incluíndo a súa cadea de valor, adiantándose 10 anos aos acordos internacionais.
Recentemente levou a cabo máis de cen iniciativas de eficiencia e xestión enerxética entre as que destacan o uso de enerxía renovábel no 100% das súas operacións, e a implementación de proxectos de eficiencia enerxética ou de modernización da rede, entre outros, como o apagado das centrais de cobre substituíndoa por fibra, que reduciu o consumo enerxético un 12% desde 2015 “malia que o tráfico de datos xestionado aumentou 4,7 veces”, explicaron fontes da operadora.

PUBLICIDADE