Telefónica renova a súa central de Lugo para facela máis eficiente e sustentábel

venres, 24 de marzo do 2023 S. P.

Telefónica vén de comunicar a renovación integral da súa sede central de Lugo para facela “máis eficiente, sustentábel e con menor contaminación acústica”, na liña do compromiso da operadora contra o cambio climático. A remodelación do inmóbel, sito na rúa Quiroga Ballesteros, implicou a mobilización dun investimento de máis dun millón de euros.
Segundo explicou a empresa, as reformas e instalación dos novos equipos permitiron alcanzar “unha redución do 81% nas emisións de gases e un aforro enerxético do 64%”. A maiores, elimináronse todos os elementos da cuberta, deixando só unha torre de telefonía de baixo impacto visual, e insonorizáronse as estancias para minimizar o impacto acústico, “aspectos ambos moi relevantes nunha central situada en pleno centro histórico”, apuntaron fontes de Telefónica, engadindo que un dos apartados máis relevantes dos traballos despregados foi o da climatización, factor crítico para o bo funcionamento dos equipos. Este reto solucionouse coa posta en marcha dunha planta arrefriadora totalmente insonorizada, securizando o subministro de auga fría desta nova instalación “para minimizar o risco de calquera problema coa climatización dos equipos, o que podería afectar o servizo en toda a provincia”. Ao mesmo tempo, retiráronse os equipos de expansión directa e instaláronse unidades de auga moito máis eficientes e sen emisión de gases. As melloras nas instalacións e equipos de climatización complementáronse, no ámbito da enerxía, coa renovación completa do centro de transformacións e a substitución de todos os cadros eléctricos.
As modificacións realizadas na central de Lugo enmárcanse como dixemos no compromiso estratéxico de Telefónica co coidado do planeta e a protección do medio ambiente. De feito, fixouse como obxectivo cero emisións netas en 2040, incluíndo a súa cadea de valor, adiantándose 10 anos aos acordos internacionais.

PUBLICIDADE