Telefónica reduce e simplifica as súas tarifas de Internet móbil

luns, 30 de abril do 2012 Raquel Noya

Os apaixonados das novas tecnoloxías e Internet lembraremos por moito tempo o primeiro de maio deste ano, non tanto porque se celebre o Día Internacional dos e das traballadoras (que tamén), senón porque Telefónica escolleu esa data para lanzar o seu novo plan de prezos para Internet móbil, que reduce de doce a tres as tarifas vixentes.
Os novos prezos, que serán comúns para tódolos dispositivos electrónicos ben sexan smartphones, tablets ou módems USB, achéganse en só tres tarifas distintas (en lugar das 12 que tiña anteriormente), que varían en función da velocidade ofertada.
Desta maneira, a tarifa máis económica terá dende mañá un prezo de 15 euros, e inclúe 500 MG a máxima velocidade; a segunda tarifa inclúe, pola súa parte, 2 GB a máxima velocidade, e ten un prezo de 25 euros; mestres que a terceira tarifa, de 40 euros, ofrece 10 GB de máxima velocidade e a maiores permite realizar chamadas a través de Internet (VoIP).
As tres tarifas inclúen mensaxes de texto (SMS) a calquera operador, exceptuando as SMS denominadas Premium, así como o acceso ás zonas WiFi de Movistar.
Asemade, para os clientes que xa son usuarios de ADSL ou Fibra de Movistar, a compañía ofrece cinco euros de desconto na cota mensual.
Con esta nova estrutura de tarifas simplificada (lembremos que ata a data a compañía dispoñía dunha ducia de tarifas que variaban en función do dispositivo conectado), Movistar convértese “no único operador que ofrece as mesmas tarifas de conexión a Internet para smartphones, tablets e/ou módems USB”, segundo afirman, “o que lle permite ao cliente que queira aproveitar a tarifa de Internet para todos os seus dispositivos, facelo de xeito doado, a través do Servizo MulsiSIM de Movistar”, cun custe de 3 euros ao mes.
Dende a firma de telecomunicacións aseguran que se trata dunha “completa tarifa, á carta, personalizada e transparente”.
De ser así (e co tempo saberémolo), Movistar terá marcado un punto de inflexión na historia da telefonía no noso país e será un exemplo a seguir por outras operadoras nacionais que seguen a apostar por distintas tarifas en función do dispositivo que o cliente desexe conectar á Rede.

PUBLICIDADE